Opinión

O factor de sustentabilidade na xubilación

Ofactor de sustentabilidade, que vincula o importe da pensión á esperanza de vida, foi aprobado polo PP, por Lei 23/2013 para aplicar nas xubilacións a partir de xaneiro/19. O Goberno do PSOE promulgou a Lei 6/2018 adiándoo a xaneiro/23. E aí está, agardando. Implica que a base reguladora do retiro, obtida dos anos computados e das cotas satisfeitas, multiplicarase por un factor de contía variábel pero menor que 1, segundo aumente a esperanza de vida nos 5 anos anteriores a solicitalo, e por 1, se baixa ou non se altera. Un enxeño moi do ideario neoliberal da Escola de Chicago que descarga o custo dunha maior lonxevidade nos pensionistas pois, os futuros xubilados cobrarán menos, a canto máis anos de vida gocen os vellos. No marco do Acordo Social de 2.011, e impulsada dende a Unión Europea, para rebaixar gastos e garantir a estabilidade da Seguridade Social, a Lei 27/2011 supuxo unha reforma de calado ao elevar a idade de acceso aos 67 e ampliar a 25 anos as bases a computar para a contía da pensión.

Seguíronlle outras normativas como a do maior copago na farmacia e nas prósteses (RD 1506/2012, de 2 novembro) ou a exclusión de coñecidos medicamentos da Seguridade Social (Resolucións de 02.08.12 e 18.02.13 da Dr. X. Saúde e Farmacia), que contribuíron a rebaixar a factura sanitaria, en prexuízo sobre todo dos menos podentes. A elas cómpre engadir o pouco investimento en persoal e en tecnoloxía de vangarda. Por exemplo, malia levar 15 anos rolando polo mundo, non hai noticia nos hospitais públicos galegos de equipos Da Vinci, referentes na cirurxía máis punteira. Tamén cómpre sinalar a escaseza de orzamentos de investigación, a masificación crónica e, derivado da pandemia, a mingua na atención primaria presencial, o maior adiamento de citas especializadas, probas de detección e intervencións cirúrxicas.

A nasa ideolóxica en que se usan os vimbios do factor leva anos tecéndose a base de fortalecer o individualismo exacerbado, esencial para a penetración do patrón liberal "cada un que se zafe", do descrédito do público e de potenciar alternativas sanitarias particulares e plans privados de pensións que nin están ao alcance da maioría nin dan a metade do que prometen. Coa tal regra de cálculo pode que medren defensores de condutas de risco, como non usar protección fronte a Covid-19, potencialmente letais para anciáns e enfermos, pois a liberdade individual non é amiga de pexas e impera a cultura da obsolescencia programada, onde desprezar o vello é virtude.

Tampouco ha faltar o egoísmo de contrapor a escasa pensión propia coa lonxevidade allea que a lastra. Co factor de sustentabilidade minguarán as pensións e a división na clase pobre gañará terreo e ben pode incorporar, como efecto secundario, perverso e latente, un ingrediente de precariedade na saúde ética e social: o desprezo á vida dos maiores e dos enfermos.

Comentarios