Opinión

Enfermidade do empregado público e melloras salariais durante a baixa

O art. 146.3 Lei 2/2.015, de 29 abril, de Emprego Público de Galicia, di que nos casos de continxencias profesionais e comúns con hospitalización ou intervención cirúrxica, así como nos de enfermidade grave, o funcionario ten dereito ao 100% das retribucións.

O mesmo artigo, en redacción dada pola Lei 3/2018, de 28 decembro, sinala que o citado 100% serao das retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

Quere a norma que a enfermidade grave, allea á vontade do doente, non sexa causa de perda de ingresos e, en consecuencia, garante o 100% das retribucións fixas que viña percibindo (salario, complemento específico, de destino, ipc galego, trienios, sexenios etc.), tomándose como referente as do mes anterior á baixa (art. 9.3 RDL 20/2012 de 13 xullo).

O problema vén cando se dá unha suba salarial xeral mentres o funcionario está de baixa ou cando, estando nela, perfecciona un trienio ou un sexenio. Neses casos, debe seguir cobrando o mesmo do inicio da incapacidade ou ten dereito a que se lle engada o incremento operado durante ela?

Os tribunais veñen sentenciando que os incrementos son de pagar dende o momento en que se producen (Sentencias do TSX Cataluña de 13/mar/2020 rec. 759/2017; TSX Galicia de 14/nov/2016 rec. 132/2016; TSX Castela León de 5/abril/2019 rec. 234/2018). Porén, a Xunta segue persistindo no aboamento do salario segundo o importe do mes anterior á baixa, sen admitir ningún incremento producido durante ela.

Quédalle ao empregado formular petición de pago. Raro será que a Xunta lle conteste. En vía administrativa cabe instar reclamación previa, non preceptiva neste caso (Lei 39/2015, de 1 outubro, LPA), pero que interrompe a prescrición (TS, de 27/dec/11, rec. 113/2011 e de 25/ maio/2010, rec. 1020/2005). Para o cómputo da prescrición, ou prazo máximo de reclamación, que entendemos de cinco anos, cómpre ter á vista o art. 27 Dto. Lexislativo 1/1999, de 7 outubro, de Réxime Financeiro de Galicia e, con carácter supletorio, o art. 25 Lei 47/2003, de 26 nov., Xeral Orzamentaria, así como o art. 1.969 C. Civil.

Malia as sentenzas citadas ou a máis recente do xulgado CA1 de Pontevedra de 15/feb/2021, rec. 70/2020, que remarca: "(...) o lóxico é que tamén se lle aplique o incremento aos funcionarios que se atopan de baixa por incapacidade temporal", pódese apostar sen medo pola desestimación presunta polo silencio administrativo da Xunta. Para lograr o cobro do incremento non quedará, pois, máis vía que a xudicial, que o funcionario público pode instar por si mesmo, sen dirección letrada nin representación (Art. 23.3 Lei 29/1998, LXCA) Peticións de esforzo aos empregados públicos, todas as que se queiran. Recoñecementos? De cara a fóra, contados e cando lles interesa. Atender as súas reclamacións, amparadas na Lei e en reiterados fallos xudiciais, iso é outro cantar.

Comentarios