xoves 16/09/21

Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega? (II)

En 1888, publicaría Emilia Pardo Bazán as palabras que pronunciou no acto de “homenaxe” a Rosalía en 1885 (De mi tierra). Alí explicou que a “literatura regional” era “puente que enlaza a las letras cultas con la poesía y el arte del pueblo...”. Ou sexa, para ela a literatura que practicaba Rosalía en galego estaba un chanzo por baixo do rexistro culto. Por outra banda, á poetisa dedicoulle eloxios pero o tratamento da súa obra foi escaso no conxunto da intervención, orientada a analizar a “literatura regional” e sinalar os perigos políticos derivados da reivindición cultural autóctona. 

Para Emilia, Rosalía funcionaba como artista en Cantares gallegos porque actuaba como receptora do sentir popular. No medio desta explicación, a novelista estableceu unha diferenza entre os homes e as mulleres nese terreo, o de recoller tradicións, coplas e contos populares. Coidaba que os homes non eran aptos para transmitilos, porén a alma da muller, “acaso por su contacto con la niñez”, “está más cerca del alma ingenua del pueblo”. Aí residía o principal encanto de Rosalía para Emilia: “haber expresado como poeta lo que entendió como mujer”. Teño a impresión de que a novelista estaba a apoiar a visión convencional da muller (“alma sensible”).

A escritora explicou: “Cuando Rosalía habla por cuenta propia, como sucede en la mayor parte de los poemitas de Follas Novas (...) es sin duda un poeta digno de estima, pero que repite quejas muy prodigadas en la poesía lírica de medio siglo para acá”. Unha forma de indicar limitacións artísticas en Rosalía. Por outra banda, e isto é relevante, a aposta de Emilia polos Cantares non respondía só a unha opción estética. Na Revista de Galicia tamén ignorou a primeira novela escrita en galego, Magina ou a filla espuria, porque Emilia asignaba o uso literario do idioma só ao ámbito do que ela entendía como poesía popular, algo menor, e non aceptaba textos que mostraban a plena capacidade do idioma galego para ser utilizado como unha lingua normal. Por outra banda, a escritora, que adoitaba presentarse como “apolítica”, formulación que os haxiógrafos aceptan acríticamente, pronunciouse contundente no acto de homenaxe, no que indicou que “el renacimiento [das literaturas “regionales”] lleva en si el germen del separatismo [...] acaso el único fruto político y social de este florecimiento poético”.

A pregunta pertinente

Emilia Pardo Bazán non estimaba unha parte fundamental da produción poética de Rosalía. Tampouco tivo coa poetisa un trato próximo e existía unha mala relación coa familia. Un ano antes dicía que non sabía nada do tema que centrou a súa intervención, asunto que desdeñaba e infravaloraba. Cuestionaba frontalmente o proxecto cultural e político de Rosalía de Castro. Entón, ¿porque protagonizou a “homenaxe”? A resposta é que priorizou a súa promoción persoal e ideolóxica por riba de honrar a memoria de Rosalía. Polo que coido que é correcto falar de maltratar (“ter a alguén  en menos do que merece”) á poetisa. 

Emilia Pardo Bazán e a Real Academia Galega

Sobre a lingua galega, a clave naqueles tempos pasaba polo uso, pero tamén pola concepción da súa importancia e o compromiso con iniciativas que a impulsasen, como foi o caso de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Entre outras cousas, este contribuíu decisivamente á fundación da Real Academia Galega (RAG), que ten como principal obxectivo o estudo da cultura do país, destacando a defensa e difusión do idioma galego. Emilia Pardo Bazán non era partidaria da promoción do que consideraba un “atavismo” políticamente preocupante. De aí a miña sorpresa coas declaracións da académica Ma. Pilar Jiménez: “No pudo entrar”. 

A RAG recoñeceu a Emilia, nomeouna presidenta de honra. Porén, ¿tiña sentido que incluíse entre os seus numerarios a unha persoa que non estaba de acordo, entre outras couss, co obxectivo central da institución e que consideraba á “literatura regional” unha produción de segunda división no mundo da cultura? Emilia Pardo Bazán posúe méritos obxectivos para o seu recoñecemento, mais unha exaltación desmedida da súa figura xera notable confusión. 

comentarios