Opinión

O desacougo de Villanueva e Burdiel sobre os usos de Meirás

Darío Villanueva está preocupado. Leva uns meses dándolle voltas ao destino do pazo de Meirás tras a recuperación do mesmo para o patrimonio público. Observa, con temor, que o edificio e contorna do que se chama indebidamente “pazo” (niso ten razón) se asocie en exceso á figura de Franco (véxase, por exemplo, o seu artigo en El País do 26 de maio pasado). Se o interpreto ben, para o catedrático de Literatura da Universidade compostelá o futuro do lugar debería xirar en exclusiva arredor da personalidade de Emilia Pardo Bazán.

Non vou entrar no fondo de tan respectable opinión. Porén si que me gustaría expresar a miña sorpresa sobre un feito. Hai moitos anos que morreu o ditador, nos que tanto Villanueva como o pardobazanismo oficial estiveron escasamente activos na reivindicación da devolución e uso cultural dun patrimonio usurpado polos vencedores da Guerra Civil. E cando un reducido grupo de exemplares cidadáns persistiron na reclamación da devolución do “pazo”, non me lembro –e pido desculpas anticipadas se non foi así– de ver a Dario Villanueva e ese pardobazanismo apoiar a xusta petición. Non digo, obviamente, que se sumara ás manifestacións fronte o “pazo”; non, pero si que redactara unha comunicación desde a Real Academia Española, que dirixiu entre 2014 e 2018, ou mesmo un artigo nun xornal (El País estaría moi ben). E que conste que non dubido de que sufriu intensamente a situación na que o protagonismo da ilustre escritora foi suplantado na súa totalidade polo ditador e a súa familia. 

Para Villanueva o futuro do lugar debería xirar en exclusiva arredor da personalidade de Emilia Pardo Bazán

O desacougo, polo que se ve, xurdiu cando as persoas que mantiveron aceso o lume da reivindicación acadaron éxito. Unha devolución inesperada que colleu co pé cambiado a moitos e que abría a posibilidade duns usos entre os que figuraba o de servir de referencia ao paso do fascismo por alí; relacionar o “pazo” coa memoria democrática. Nese cambio de escenario si que andiveron vivos o PP e a Xunta de Galicia, que axiña xeraron unha hábil resposta, a de identificar en exclusiva o “pazo” con Emilia Pardo Bazán, transformada agora en campioa da igualdade, ela que pasou toda a súa vida defendendo a desigualdade (“No hay cosa más injusta que la igualdad”, reiterou a condesa). Á dereita válelle todo con tal de evitar o demo da memoria histórica. E a outros?

En xaneiro deste ano tamén estaba moi preocupada Isabel Burdiel. Nunha entrevista en El País (4 de xaneiro), explicaba a súa irritación porque, segundo ela, se está “escupiendo de manera irresponsable sobre la memoria de la Transición”. E laiábase: “tenemos más historia que la Guerra Civil y el franquismo”.

Durante décadas os departamentos de Historia contemporánea das universidades españolas ignoraron, con singulares excepcións, o estudo dos efectos do franquismo e a situación das vítimas. Esta catedrática de Historia Contemporánea da Universitat de València escolleu –lexitimamente– os temas de estudo que considerou oportunos, que xiraron sobre outras cuestións (e seguro que sufriu ao ver a desatención con que era tratado o franquismo e a Transición por moitos colegas). Foi unha mágoa porque perdemos a posibilidade de que ofrecera un enfoque diferente do tema. Unha perspectiva con, como di agora, máis matices e fins terapéuticos. Non resultou estraño que polo coñecemento que ten de Emilia Pardo Bazán e por esas declaracións a Xunta do PP a escollera como integrante dun comité de expertos que debe propoñer o futuro do pazo. Onde acougaría un chisco, ao ver que se pretenden compatibilizar os usos.

Estes dous académicos acadaron ao longo da súa vida profesional numerosos éxitos e protagonismo. Sería de agardar que no tramo final –que ogallá dure moito– dunha traxectoria ben frutífera, eses merecidísimos recoñecementos serviran para tranquilizar os seus espíritos. Para aplicar a se mesmos a súa reiterada petición de diálogo, de aceptación da existencia de ideas e visións diferentes ás súas. Mais semella que o desacougo pode con eles. Quizás porque queren xogar o papel de exclusivos intérpretes da realidade e guías de condutas alleas.

Comentarios