Opinión

Unha algarada para reclamar privilexios contra o interese público

O pasado luns pruducíase unha algarada no Pleno de Carballo por parte dun grupiño de persoas que impediron a celebración normal da sesión ata o punto de obrigaren ao Alcalde a suspender a sesión.

O pasado luns pruducíase unha algarada no Pleno de Carballo por parte dun grupiño de persoas que impediron a celebración normal da sesión ata o punto de obrigaren ao Alcalde a suspender a sesión.

"O que están a reclamar, que non é ningún dereito senón o privilexio de non pagar unha taxa por un servizo que é de obrigatoria prestación por parte do concello"

Pareceume bastante lamentábel o compartamento deste grupiño, pero moito máis lamentábel me parece o que están a reclamar, que non é ningún dereito senón o privilexio de non pagar unha taxa por un servizo que é de obrigatoria prestación por parte do concello. Por certo, un privilexio que en ningún outro concello teñen os multipropietarios de vivendas, tampouco nos gobernados polo PP. Calquera vivenda en condicións de ser habitábel ten que pagar a taxa pola recollida de lixo en todos os concellos desta comarca, e de calquera outro sitio. O que resulta menos entendíbel é por qué ata a aprobación desta ordenanza non pagaban a taxa, por qué durante tantos anos todas estas vivendas non pagaron unha taxa por un servizo que recibían. Moitas delas seguramente estiveron alugadas e xerando lixo (e ingresos para os seus propietarios) sen pagar a taxa, mentres os contribuíntes que teñen unha vivenda na que viven e que seguramente lles custou moito poder chegar a ela tiñan que pagar cada vez máis polo custe do servizo (sobre todo polos continuos incrementos de Sogama).

"Coa que está caendo, coa cantidade de motivos que temos todas e todos para protestar, que se proteste por iso dese xeito e con nulo respecto polos membros da Corporación que representan ás veciñas e veciños de Carballo non me parece de recibo"

Coa que está caendo, coa cantidade de motivos que temos todas e todos para protestar, que se proteste por iso dese xeito e con nulo respecto polos membros da Corporación que representan ás veciñas e veciños de Carballo non me parece de recibo. Vemos como cada día máis persoas están en situación de pobreza, como se está a desmantelar a sanidade pública, o deterioro do ensino público, a cantidade de pequenas empresas que desaparecen, a cantidade de despedimentos que se producen, etc. Hai motivos de sobra para estar todos os días na rúa.

Agora ben, o que me parece absolutamente miserábel é a utilización dos máis baixos instintos da xente por parte dos grupos do Partido Popular e Terra Galega para atacar ao goberno municipal. Desde o meu punto de vista, este xeito de actuar indica dúas cousas: a total falta de escrúpulos e de ética política, e a ausencia de argumentos para atacar a un goberno cada vez mellor valorado pola maioría da veciñanza de Carballo. Como é posíbel que o partido político que aprobou o copago farmacéutico para as/os pensionistas, o canon da auga, o incremento do IVE, o chamado “céntimo sanitario” nos carburantes, a retirada de moitos medicamentos da financiación pública, a retirada da gratuidade dos libros de textos, e moitas outras cousas máis, se permita incitar a unhas poucas persoas propietarias de varias vivendas a levantarse dese xeito contra o goberno municipal para reclamar o privilexio de non pagar unha taxa de 64 euros ao ano por vivenda?

Comentarios