Opinión

Saleta, a mao da brisa

Hoxe Saleta entrará, por derradeira vez, na Casa de Hortas, convertida en Casa Museo grazas ao traballo do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos que a xestiona e da que ela foi presidenta.

A entrada de Saleta na casa relátaa, feita soneto, Manuel María:
Cando Saleta entrou por vez primeira  /  na casa petrucial dos vellos Hortas /  abríronse, por si, todas as portas / e emocionáronse o cedro e a nogueira

di o primeiro cuarteto e

Saleta, silenciosa e conmovida, /  sentiu no corazón a mao da brisa /  e como entraba a casa na súa vida

indica o derradeiro terceto.

Hoxe, a casa, como di o soneto, mantén as portas abertas para mostrar e valorar o enorme legado de Manuel María e para acoller toda iniciativa cultural que teña a ver coa nosa realidade, “dando nova vida ás seivas mortas”. 
Saleta formou parte de numerosas iniciativas sociais, políticas e culturais xurdidas na Galiza dos derradeiros 60 anos, entre elas a de Sermos Galiza e Nós Diario.

Sexamos todas Saleta e sintamos no corazón a mao da brisa. E, sobre todo, como entra a CASA na nosa vida.

Comentarios