Opinión

O Estado delincuente

No conxunto do Estado non se está a avaliar na súa gravidade real o escándalo da espionaxe a medio do programa Pegasus a 65 cidadáns cataláns e 2 vascos.Unha espionaxe que semella só puido ser desenvolvido  polo CNI, polos propios servizos estatais de información, pois que esta aplicación non se vende a clientes que non sexan Estados. A dimensión, intensidade e extensión cuantitativa do fenómeno e máis a súa duración, que abrangue dende o Goberno de Rajoy no 2015 ao actual de Pedro Sánchez, polo menos até finais de 2020, fai moi improbábel que todas e cada unha das actuacións recibiran o validamento “ad hoc” do maxistrado do Tribunal Supremo estatal ao que a Lei reguladora do CNI lle atribúe o control xudicial.

Xa que logo, é altísimamente probábel que esteamos diante de gravísimos delictos. En primeiro lugar dun delicto de descobrimento e difusión  de segredos por Autoridade e Funcionario Público do artigo 198 do Código Pnal (CP), penado con cárcere de catro a oito anos. Mais unha operación desta caste require de moitísimos recursos públicos, que sobardarían dos fondos asignados ordinariamente ao CNI. Velaí a probabilidade de que, a medio de expedientes de contratación pública falseados, fosen asignados recursos públicos previamente orzamentados para outras fins ao obxecto de financiaren esta macroespionaxe. Entón, estaríamos tamén diante de delictos de falsidade en documento público (artigo 390.1 CP) como medio para a comisión de delictos de malversación na súa modalidade de administración desleal (artigo 432 en relación co 252 CP. No tamén probabel caso de delicto continuado, ese concurso delictivo de falsidade documental e malversación estaría penado con cárcere entre seis e oito anos.

Para máis, existe especial gravidade política na espionaxe a avogados no cumprimento das súas funcións de defensa penal, funcións que constitúen un dos alicerces do Estado de Dereito. Jaume Alonso-Cuevillas, Gonzalo Boye, Andreu van den Eynde e, seica, o avogado escocés da consellera Clara Ponsatì Aamaer Anwar, foron espíados no desenvolvemento da defensa penal dos seus clientes, accedendo á información que lles foi fornecida por éstes e mesmo ás súas estratexias procesuais. Chegou esta información ao Ministerio Fiscal ou a algúns dos órganos xurisdicionais que axuizaba aos clientes destes avogados? Existiu interferencia da espionaxe española a respecto da xustiza escocesa?

Tivo coñecemento destas condutas o Goberno do Estado?

Sería moi grave que os Gobernos do Estado actuantes entre 2015 e 2020 non tiveran coñecemento destas condutas. Mais o seu descoñecemento e, nomeadamente, o descoñecemento do presidente Sánchez e da ministra Robles sería tamén gravísimo, pois que reflectiría unha sospeita racional, mais incompatível von calquera réxime democrático: que os servizos estatais de información xogan con autonomía e á marxe dos Gobernos do Estado. Velaí que sexa precisa unha pescuda moi rigorosa, mesmo para determinar se é o proprio CNI o que decide sen control xudicial nin do Goberno do Estado as persoas a espiar. Porque entón estaríamos diante dun deep state con funcionamento autónomo a respecto dunhas institucións democráticas que entón se amosarían como simple superestrutura á estrutura do poder real.

En realidade, a reacción da prensa madrileña de dereitas encaixa nestas sospeitas. No medio do acelerado proceso de perda do prestixio do Goberno Sánchez por mor da crise inflacionaria, nin o PP, nin Vox, nin os seus voceiros mediáticos aproveitaron a oportunidade para maximizar o acoso ao Goberno do Estado. A razón desta paradoxal conduta non só se alicerza en que fosen Rajoy e  Sainz de Santamaría quen encetasen a espionaxe, senón no substancial acordo entre a dereita e boa parte da esquerda españolas-e mesmo me atrevería a dicir de boa parte da opinión pública española na dereita e na esquerda-a respecto de que estas condutas poden ser, si, ilegais e aintidemocráticas, mais lle conveñen á unidade de España. Que seica para millóns é o único importante.

Pode o Goberno do Estado reaxir?

O Goberno Sánchez non foi quen até de agora de reaxir, seica prisioneiro da autoritaria lexislación de segredos oficiais e reguladora do CNI e da  lóxica penal do inimigo instalada na opinión pública madrileña. Fixémonos que, tanto no seo do PSOE como dos axentes sociais máis próximos non existiu rección ningunha diante de condutas tan graves.

O tempo se lle está a esgotar. Mais aínda podería Sánchez amosar que é un estadista  e aproveitase a ocasión para propor unha reforma integral da lexislación de segredos oficiais, do estatuto do CNI e doutras leis restritivas da convivencia democrática, como a “lei mordaza”. Sería unha operación política que lle posibilitaría reconstruir as pontes coas forzas soberanistas da maioría de investidura e reactivaría a alerta democrática e antifascista de millóns de cidadáns e non só nos Paisos Cataláns, Euskalherría ou Galicia. Sería, moi probábelmente, a derradeira oportunidade da lexislatura para definir políticas de afondamento da democracia liberal e de entendemento en chave plurinacional. Mesmo de facer posíbel unha reedición futura da maioría da investidura nunhas mínimas condicións de confianza recíproca.

Nuns poucos días saberemos se o PSOE elixe o pacto do 155 ou a única alternativa para facer reformábel ao Estado nun senso democrático. Mais hai pouca marxe para o optimismo.

Consecuencias políticas da inacción de Sánchez

No caso que o Goberno Sánchez confirme a súa inacción (ou desenvolva unha representación de activismo lampedusiano para que todo sexa igual) ficará dabondo claro, na escea política catalá, que a mesa de diálogo só lle valeu ao unionismo para desactivar a maioría parlamentaria do 52% de febreiro de 2021 e afondou na súa estratexia para fragmentar e enfeblecer o soberanismo. Ficará dabondo claro, como dixo o avogado e deputado de JuntsxCat Jaume Alonso-Cuevillas, que na mesa de diálogo estaba o CNI. A mesa de diálogo só espallou o desánimo e motivou que parte da sociedade catalá mire máis ao dedo ca a lúa. Mire máis para as propias limitacións que para as propias oportunidades.

Mais esta crise política vai xerar oportunidades para o soberanismo. Oportunidades para priorizar outravolta unha estratexia concertada de unidade soberanista que compatibilice a gobernanza autonómica, o favorecemento empresarial e a xustiza social na acción  da Generalitat cunha estratexia de confrontamento pacífico e intelixente co Estado no plano da defensa da lexitimidade democrática do 1-Ou. Unha estratexia que, quizais máis que nunca,  lle compre desenvolver ao president Puigdemont e ao Consell per la República.

A inxenua confianza amosada por parte do independentismo catalán nas dinámicas da esquerda estatal fíxolle perder ao conxunto do soberanismo perspectiva, unidade e prestixio social. Esa inxenua confianza habería ficar definitivamente arquivada diante da irreformabilidade substancial do Estado español que nos vindeiros días, outravolta e por desgraza, haberemos confirmar.

Comentarios