Opinión

O desprestixio do cumio xudicial español

A recente decisión da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (TS C-A) acordando por 15 maxistrados contra 13 voltaren á xurisprudencia anterior á súa sentenza do 16 de outubro e, xa que logo, atribuíndolle o pagamento do Imposto sobre as hipotecas aos consumidores, constitúe un dos feitos máis graves da historia da democracia ma non troppo española. Porque non só amosou a falla de neutralidade do seu presidente, Díez-Picazo, e da súa maioría ás continuas presións da Banca (mesmo públicas ao longo dos dous días enteiros de deliberación). Non. O peor é que asumiron que non lles importaba que a cidadanía pensase deles que eran parciais. E iso é un golpe letal ao Estado de Dereito.

A sentenza do 16 de outubro xa eliminara do Dereito o artigo 69.2 do Regulamento do devandito Imposto, que lle atribuía o pagamento aos consumidores. Xa que logo, a única vía legal para salvar os Bancos das reclamacións dos impostos pagados polos consumidores dende ben de anos atrás era reinterpretar o artigo 29 da Lei do imposto, que di que ten que pagar o beneficiario da escritura notarial. É dicir, o TS C-A salva os Bancos ao considerar aos consumidores os beneficiarios das hipotecas. Un argumento ilóxico e que vulnera todas as regras do Dereito Tributario. O mundo ao revés.

O peor é que os xuíces do Supremo asumiron que non lles importaba que a cidadanía pensase deles que eran parciais. E iso é un golpe letal ao Estado de Dereito.

 

Este gravísimo dano reputacional engádeselle ao grande desprestixio do TS e da Audiencia Nacional (AN) polo mundo adiante. Na orde civil o Tribunal da Unión Europea (TXUE) foi quen implantou no Estado a protección do consumidor bancario que desprezaban a lei española e o TS español. Na orde penal, o TS tivo que retirar as euroordes contra os exiliados cataláns por mor da súa parcialidade ao lles acusar dun inexistente delicto de rebelión. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos anulou a doutrina Parot e declarou parcial recentemente á maxistrada Ángela Murillo.

O cumio xudicial do TS e da AN está desprestixiado por mor da súa politización partidista. A democracia precisa de bos xuÍces. Témolos nos níveis inferiores e medios, mais non os temos, polo menos na contía precisa, nos níveis superiores.

Comentarios