Opinión

A chantaxe de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57% de Ferroglobe, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría (400 postos de traballo directos e indirectos), segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.

Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar con urxencia (este mesmo ano) da venda das centrais hidroeléctricas, coas que conta ingresar 255M€ do fondo canadiano Brookfield. Velaí que aprobase un acordo cos sindicatos estatais para que apoien esa escisión das concesións como único instrumento de viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte.

O asunto está claro. Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida. 

Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo

Porén, os 255 M€ que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio n’A Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último.   E nin Villar Mir, propietario do 57% de Ferroglobe, nin o Presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial.  E non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo.

A Xunta non ten razóns  xurídicas,  económicas nin políticas para apoiar un Plan Industrial que é mera expresión dun desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda caste de sospeitas. 

Comentarios