Opinión

A importancia da exemplariedade

O “affaire” Cifuentes permite realizar unha radiografía da lóxica dominante na acción política do PP e, ademais, posibilita medir os efeitos que provoca ese xeito de actuar na vida pública que se desenvolve no Estado español.

A presidenta da Comunidade de Madrid non está imputada -como é o caso doutros compañeiros do seu partido- por presuntos episodios de corrupción. Máis aínda: ten manifestado explicitamente a súa incompatibilidade con todas aquelas persoas que utilizan os seus cargos representativos para buscar distintas vantaxes materiais. A pesar deses precedentes, a señora Cifuentes non foi quen de superar a súa particular proba do nove con esa titulación da URJC: acumulación de mentiras, negativa a mostrar o traballo académico supostamente presentado, translación das posíbeis responsabilidades polas irregularidades cometidas ás autoridades desa Universidade...

Hai tempo que, neste ámbito, o comportamento dos principais partidos que veñen hexemonizando a política española non resulta homologábel co que se rexistra noutros territorios da UE. Por exemplo: na República Federal alemá -onde habitan eses xuíces tan criticados polos defensores do maxistrado Llarena- un ministro do goberno Merkel non tardou 24 horas en dimitir cando transcendeu que unha parte da súa tese de doutoramento era copia dun traballo anterior. Non foi preciso que outras formacións pediran o seu cesamento ou que se abrira unha investigación e moito menos que se promovera a xudicialización do sucedido. Abondaba coa constatación da existencia dunha mentira protagonizada por un persoeiro público.

Neste ámbito, o comportamento dos principais partidos que veñen hexemonizando a política española non resulta homologábel co que se rexistra noutros territorios da UE

 

Aquí, certamente, non se aplica a mesma terapia. Se alguén do PP ou do PSOE incorre nun comportamento inapropiado, o primeiro que fan os afectados e os seus dirixentes é proclamar a súa inocencia e remitir o asunto ás instancias xudiciais. O siloxismo argumental sempre foi o mesmo: a condición necesaria para pensar nunha eventual dimisión é a existencia dunha imputación por unha determinada figura delitiva. A partir de aí dependeu dos casos concretos: nalgunhas ocasións foi suficiente co referido encausamento, pero noutras foi precisa a existencia dunha sentenza condenatoria firme.

Na filosofía dominante na política española, a ética fusionase coa legalidade. Mellor dito: coa interpretación que fai o poder xudicial do corpo legal vixente. Todo o que non sexa penalizado nos tribunais resultará eticamente aceitábel. Este é o automatismo que, explícita ou implicitamente, pregoan habitualmente os voceiros dos partidos hexemónicos e unha boa parte dos creadorres de opinión. Por iso Cifuentes non presentou a dimisión cando se coñeceu a impostura do seu expediente académico. E por iso, tamén, Pablo Casado trata de agachar compulsivamente as pegadas dun curriculo construído para facer viábel unha ambiciosa carreira política. Con tal obxectivo non lles importa arruínar a reputación dunha universidade pública -a URJC- que xa dera probas de estar dirixida por algúns funcionarios sen escrúpulos, dispostos a vender a invocada autonomía universitaria a cambio de proveitosos favores das autoridades políticas.

Neste contexto, a dimisión presentada polo deputado de En Marea na Cámara do Hórreo ten un relevante valor pedagóxico. Nin se parapetou na evidencia legal de que o escano parlamentario é potestade exclusiva da persoa eleita nin utilizou a coartada, tan repetida, de que o seu caso é diferente de outros que están no escenário público. Fixo unha demostración práctica de que non todo o mundo comulga coas rodas de muíño que se ofrecen dende os sectores que se resisten a promover unha rexeneración críbel da vida política. Non debería haber dúbidas: sen que se visualice unha exemplaridade contundente nas persoas que ocupan postos de representación institucional non será posíbel revitalizar a calidade do sistema democrático.

Comentarios