Opinión

Volve!

Hoxe estiven no Club de lectura do Instituto de Ensino Medio Ricardo Mella, do Meixoeiro, nun barrio de Vigo. Por razóns que moito teñen que ver coa miña residencia case permanente en Bruxelas nos últimos trinta e tanto anos, non aparecía eu a dar unha charla dende o ano 1999 ou 2000, cando aquí estiven un tempo sabático. Foi ao convite da profesora Olga Nogueira, integrante do grupo de música "Efémeras" e muller encantadora no trato. Agradézolle o convite pois pasei unha xornada ben bonita.

Falei do meu último libro, Final feliz que algúns deles leran, con aproveitamento, entendo, a teor das atinadas preguntas que fixeron arredor do estilo e da temática. Falei de literatura, por descontado, máis tamén de física, de química, de historia, de política, de lingua, de sexo, da vida e da morte, de saúdos e despedidas, de aquí e dalgúns lugares que polo mundo fun visitando nos meus variados destinos laborais. Ensarillei unha charla seguindo o curso da miña vida, ese río que nos leva.

Agora estou xubilado (ou case, mantendo unha relación indefinida de asesor sénior, na que espero ser útil) e teño algo máis de tempo para estas actividades. Non sei se será sempre así ou é que tiven moita sorte, mais hoxe cheguei a estar emocionado. A emoción veu ao final das dúas horas de charla e conversa, cando un pequeno grupo de alumnos se achegou a min e a súa profesora para lle pedir que volvera, que aprenderan moito e que tiñan ganas que lles seguira contando da vida no mar, de ser galego polo mundo, das aventuras da miña vida.

Expliqueilles, entre outras materias, a miña inmersión dupla na lingua galega (nas vacacións de verán na aldea e a bordo dos barcos de pesca do largo), na realidade plurilingüe do estado español (o servizo militar na 'lexión branca' no Pireneo catalán), e finalmente a realidade plurilingüe de Europa en xeral e de Bruxelas en particular.

Sentinme respectado e feliz, pois ao tratalos como adultos, obtiven, coido en pensar, o seu agarimo e recoñecemento. Volverei.