Opinión

Val do Lobo

Pasei uns días nun hotel de Val do Lobo, no Algarve. Alí estiven nas negociacións anuais no contexto das especies de grandes migradores no Océano Atlántico convidado pola delegación da Unión Europea. Non fomos quen de saír do hotel en dez días e só tiven dúas horas libres para dar un paseo pola praia, que se podía ver dende o cuarto. Pareceralles que esaxero, mais acrediten que non o fago nin un escrúpulo. 

Dez días para falar, para redactar propostas e contrapostas, mudar este ou estoutro parágrafo, facer auténticos encaixes numéricos para ser quen de contentar a Turquía e Exipto no Mediterráneo, Sudáfrica e Namibia no Atlántico Sur ou Noruega e Canadá no Atlántico Norte. Para negociar, enténdase.

Dez días de conversas cos ecoloxistas razoábeis e cos activistas que repiten consignas aprendidas, con representantes de estados frustrados, doutros que intentan converterse nos policías do Atlántico e co rostro bifronte daqueloutros aínda que mercan vontades ou gobernos por un prato de lentellas. O mundo é así: multipolar e inxusto, hipócrita e imperfecto. Por iso se un entra no xogo das negociacións aprende, ás veces aínda co concurso da violencia verbal, a non tomar as provocacións como algo persoal, a ter unha visión de conxunto para gañar aquí e ceder acolá, a golpear con puño de ferro e luvas de veludo. Apréndese tamén a ter obxectivos tácticos e apoiar estratexias de acción conxuntas, a dar un paso adiante e dous atrás, ou viceversa, a canear os argumentos do adversario, a sorprender coas preguntas certas e os argumentos traballados de antemán. Na fin as decisións tómanse por consenso, o que resulta sorprendente e tantas veces fai que o avance sexa lento. Isto conséguese entre máis de cincuenta partes, discutindo ao unísono.

Por iso, cando as tres forzas do noso parlamento non son quen de acadar acordos para o ben común do país, pregúntome se non precisarán de negociadores con experiencia e de deixar de lado a soberbia de uns e a intransixencia dos outros.