Opinión

Val do Lobo (2)

Teño escoitado con reiteración, e diría eu que con empeño de convencer, aquela máxima que sostén que o uso que os galegos podemos facer do portugués nos converte en privilexiados na esfera internacional. Non vou contestala, pois concordo na potencialidade que o coñecemento da lingua portuguesa nas súas variedades nos confire para expandir os límites da comunicación.

Así, estando en Val do Lobo, pensaba eu que lle daría máis uso ao meu portugués enferruxado. Non foi posíbel, pois malia e ser cincocentos os delegados na xuntanza, só un fato deles falaba portugués. Ademais, segundo os estatutos da organización que alí nos convocaba, a interpretación realizábase nas tres linguas oficiais, a saber: inglés, francés e español, linguas maioritarias no Atlántico, da Baía de Hudson a Terra do Fogo e do Mar Branco até o Cabo de Boa Esperanza.

O paradoxo non foi tanto que eu non tivese con quen falar en portugués ou en galego. O auténtico paradoxo foi que os traballadores do hotel onde se desenvolvían as xuntanzas (afastado case tres quilómetros do pobo máis próximo), non tiñan apenas con quen falar a súa lingua materna, facendo esforzos para se desenvolver en francés, inglés e mais en español de América.

Como galegos quixeramos que o portugués nos abrise innúmeras portas no mundo dos negocios, na literatura e mais na comunicación. Iso é lóxico e lexítimo, e nun mundo racional ben podería ser así. Mais a realidade do mundo non se deixa levar por potencialidades nin tan sequera por pragmatismos. Que llo contén senón a eses traballadores do Val do Lobo, que durante as case dúas semanas que durou a xuntanza, no seu propio país, apenas tiveron oportunidade de usar a súa lingua.

Iso deberíanos facer reflexionar sobre o conto da leiteira (ficción) e a lóxica do capitalismo (realidade), ou sobre a diferenza entre enerxía potencial (acumulada, teórica) e enerxía cinética (a que move as turbinas dunha central ou a que move o mundo). A realidade e o desexo, xa saben, a contradición principal.