Opinión

Un Edén diferente

Nunca saberemos se existiu o xardín do Edén ou se este foi só un soño ou unha lenda ben acaída para explicar as orixes da Humanidade. Mais todos nós, independentemente da nosa relixión ou da ausencia do seguimento dunha norma moral transmitida, temos o concepto impreso nos circuítos neuronais, a xeito de mito ou territorio/condición que quixeramos recuperar e/ou acadar. Por iso nestes momentos de crise (pandemia) e aflición (cambio climático) resulta tan atraente repensar o noso concepto de Edén para un futuro que xa está aquí. Por iso tamén a oportunidade dun libro que se está presentando estes días por Galiza adiante e que leva o título de Un Edén diferente/A different Eden, así en bilingüe. 

Trátase dun encontro feliz de corenta poetas irlandeses e galegos sobre a crecente conciencia sobre a fraxilidade dos sistemas que habitamos, incluída a extinción de linguas e de especies, no que se podería denominar ecopoesía. Os orixinais están en gaélico, inglés e galego, que son as linguas de uso dos poetas e todos eles traducidos ao galego (por Isaac Xubín) e ao inglés (por Keyth Payne). O traballo de selección de poemas e poetas foi realizado por Martin Veiga, Lorna Shaughnessy e Keith Payne. As antoloxías, por definición, establecen unha selección e adoitan ser, porén irregulares e heteróclitas, inxustas e tantas veces heteroxéneas. Neste caso diría eu, sen ánimo de gabanza excesiva, que todos os poemas están no seu sitio e que se ben hai poemas magníficos, ningún deles desmerece da media. 

O libro ten moitas posibilidades didácticas, pois ademais de servir como ferramenta para avanzar no coñecemento das dúas linguas que se confrontan, fala dunha problemática actual e urxente. Merece ser considerado e non pasar como unha anécdota.
Gustaríame que os políticos galegos (e non só) aproveitaran estas vacacións de inverno para ler e reflexionar sobre os temas que aquí se tratan. Non é senón tarefa dos políticos traballar a prol da sociedade do benestar, ou sexa dun Edén diferente?

Comentarios