Opinión

Transvase

Levo dous anos e medio elaborando esta columna cada venres. Escribín aquí dunha pléiade de temas, mais poucas veces falei de literatura. Hoxe apetecíame dedicar unhas liñas a este asunto e falarlles de textos en catalán e galego.

Hai uns días, con ocasión da semana da literatura en Compostela (SELIC), tiven oportunidade de cruzar unhas palabras co escritor mallorquino en lingua catalá, Sebastià Portell. Nesa conversa el falou en catalá e eu en galego e entendémonos a marabilla (o meu nivel de catalá limítase á comprensión oral e mais escrita, mais non consigo ensarillar un discurso coherente sen mesturar o italiano co francés e facer así unha amalgama pouco entendíbel).

Resultado daquela conversa e da recomendación entusiasta da súa tradutora ao galego, María Alonso Seisdedos, foi a lectura da versión galega do seu libro El dia que va morir David Bowie. Nunha das lapelas, aprendín que Portell foi o tradutor ao catalá dunha novela de Gonzalo Hermo, Diario dun enterro.

Resultado desa conversa, da lectura e do coñecemento de Portell como tradutor do galego ao catalá é a seguinte reflexión: coñecemos pouco os autores catalás e coido en pensar que os lectores catalás pouco saben dos autores galegos (agás aqueles que teñen colaborado na prensa escrita catalá). Gustaríame que estas relacións biunívocas (traducións nos dous sensos) fosen máis frecuentes e non precisasen de ter como intermediario o castelán. Gustaríame que o mesmo acontecese con outras linguas ibéricas, mais ou menos afastadas. Gustaríame que o mundo fose distinto. Nesa dirección traballo e escribo de xeito cotiá.

Non serei eu quen marque a política editorial nin as preferencias de axudas a tradución, aínda que como cidadán e axente cultural teña dereito a ter a miña opinión propia. Queda escrito, aínda que sexa só coma un desiderátum. Entrementres, eu, tan inxenuo como entusiasta, fico na confianza de que esta reflexión lle chegue a quen teña que tomar decisións executivas, que para iso están.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.