Opinión

Tolerancia e respecto

O concepto que expresa a palabra 'tolerancia' está ben considerado. Un individuo intolerante é un túzaro, merecedor de rexeitamento colectivo, mentres que un tolerante é alguén positivo, con empatía verbo doutras persoas ou ideas. Eu non concordo ao completo con esa percepción positiva. O tolerante sempre olla o mundo dende unha posición de poder, concédenos a súa aquiescencia coma unha dádiva. Non se sitúa ao noso nivel, senón nunha posición de superioridade ética, que lle permite escoller quen merece e quen non a súa aceptación.

Significa isto que eu prefiro os 'intolerantes'? Pois non. Aqueles que son intransixentes coas opcións vitais doutras persoas tampouco me gustan nin moito nin pouco. En realidade, o que detesto son as posicións de poder, a daqueles que se permiten xa non xulgar, pois en boa medida todos nós, de xeito explícito ou non, xulgamos as actitudes e os comportamentos dos demais, senón conceder temporalmente o seu beneplácito.

Podes non entender tal ou cal comportamento, tal ou cal actitude diante da vida, mais tratándose de cidadáns pouco importa de que cor, que etnia ou que opción sexual/vital; prefiro o respecto, pois este prodúcese dende unha óptica de igualdade.

Estas reflexións veñen ao fío das manifestacións solidarias e actos lúdicos arredor da liberdade de expresión sexual e da opción de xénero que se celebraron estes días pasados. Asistín a algún deses actos e podo dicir que con satisfacción, aínda que observara algunha que outra actitude non respectuosa, síntoma da fraxilidade no asentamento dos dereitos individuais.

Falouse nos medios de que vivimos nunha sociedade tolerante, entendendo o concepto como positivo, sen matices. Entendo eu, que a tolerancia, pola súa propia entidade, é inestábel, mudábel, pasaxeira. Hoxe está aí, coma unha dádiva, e mañá non está. Por iso a importancia de seguir loitando polos dereitos individuais. Por iso tamén a importancia de mudar esa tolerancia en respecto, en igualdade, sen ambaxes e sen matices.