Opinión

Sálvora

Hai un par de semanas estiven de visita guiada en Sálvora. A viaxe ben. Tranquila e sen maiores incidentes, salvante algúns turistas de ética discutíbel. As guías tamén ben, no seu papel de repetir de xeito rutineiro unha historia que lles contaran. Decepciona un pouco que fiquen na superficie e non profunden máis na historia e, sobre todo, na ecoloxía do lugar, que para iso é un parque natural e non un parque temático. Non sei se son voluntarias ou están mal pagas e por iso non vou alén desa decepción.

Fixen as dúas visitas permitidas (unha con guía e outra por libre). Non me afastei dos camiños trazados, pois todo eran prohibicións e vieiros abortados. Disque hai un bosque (vense na distancia algunhas árbores) e disque alí viven cervos. Non teño nada contra os cervos, esquivos como eles son, mais non resulta unha incongruencia que haxa especies importadas/introducidas á forza nun parque natural? Trabúcome, se cadra, e os cervos cruzaron nadando a milla escasa que separa a illa da costa de Arousa. Pode ser, nese caso retiro esta segunda decepción.

A terceira decepción, ligada coa anterior, foi ver que dun iate desembarcaban nunha zodiac un grupo de xente na trintena (homes e mulleres, xa), que tomaban por asalto un dos areais para organizar unha merenda con máis alcol que comida. A decepción non está ligada neste caso ao seu divertimento, pois unha merenda entre amigos paréceme un bo xeito de pasar unha tarde, mais si á exclusividade, ao privilexio, a "eu teño iate e vou a onde me peta".

Se cadra se non existisen privilexios, se un parque natural estivese para iso, para gozar da natureza e non para 'non ver, non tocar, non saír dos lugares marcados', se a xente que o ensina estivese mellor preparada, non para contar anécdotas senón para facer entender a dinámica da natureza e a importancia de preservar a diversidade, se cadra entón, visitar Sálvora non sería unha decepción.

Se cadra a decepción, a repetición, está ligada ás expectativas e, máis unha vez, trabuqueime de país.

Comentarios