Opinión

Punto de encontro

Mudan os tempos, mais tal parece que, no que a cultura se refire, non mudan as vontades dos gobernantes. A cultura entrou dende hai tempo no territorio da resistencia e no da loita polos dereitos civís. É un dereito fundamental, mais os gobernantes populistas enténdeno como cultura-espectáculo e non como unha compoñente esencial na formación e no lecer dos cidadáns. Haberá que traballar arreo para modificar esta situación de extrema pobreza ética na que vivimos e, para iso, nada mellor que investir en cultura.

Este 21 de setembro comezou a súa andaina en Vigo a Asociación Cultural Rio Lagares, coa apertura dun espazo cultural na cidade. O espazo ten vocación de punto de encontro entre diversas manifestacións artísticas. Nesta ocasión as disciplinas artísticas escollidas foron a música e a poesía, grazas á recomendación do poeta e tradutor afincado en Vigo, Keith Payne.

E comezaron ben coa poeta irlandesa e gañadora da Bolsa de Poesía Aodh Ruadh Ó Domhnaill, Grace Wells, e coa música e a voz poderosa de Su Garrido Pombo. Grace Wells pódese considerar unha escritora fundamental na eco-poesía irlandesa actual. No acto, Grace leu cinco poemas en inglés, todos eles de gran musicalidade e un intenso compromiso político, nomeadamente ecoloxista. O que isto asina tivo o privilexio de ler no mesmo acto as traducións ao galego dos poemas de Grace que fixera o escritor, profesor e tradutor Isaac Xubín.

Haberá, pois, que contemplar con interese as iniciativas privadas, que, coma esta, apostan por unha cultura de calidade como un dos dereitos inalienábeis da cidadanía. Pola miña banda, retireime do exercicio –real ou ficticio- da teorización política o mesmo día no que me decatei de que non era quen de entender o que Theodor W. Adorno expresaba no seu libro A dialéctica negativa e, dende aquela, batuxo como podo nun mar de simplicidades analíticas. Se cadra por todo iso, logo desta reflexión algo superficial, rematarei cunha mensaxe que considero de esperanza: O futuro é onde todos comezamos a soñar.