Opinión

Pombas

Hai un par de días cheguei a Bruxelas despois de case cinco meses de ausencia. Na caixa de correo postal, unha morea de cartas. Xa imaxinan: do banco, da administración local, da compañía de seguros, dalgunha revista literaria... Nada que non esperase e algúns problemas intuídos polo atraso nalgúns pagos... Había tamén unha comunicación do Concello na que se alertaba da infestación de pombas e outras aves, mais das medidas adoptadas para atallala. A primeira delas era coercitiva, indicando unha multa de 350 euros para aqueles cidadáns que deran de comer ás pombas e outras aves residentes (córvidos, ocas, parrulos), coa excepción invernal dos paxariños (pardais, ferreiriños), que aquí sofren duras condicións e aos que recomendaba fornecer de auga e de sementes nos peores momentos do inverno.

Esa medida, que entendín desproporcionada, viña complementada por accións sanitarias de control de pragas, como a distribución entre as pombas e os córvidos de produtos veterinarios específicos como grans anticonceptivos, cos que se esperaba reducir a poboación de pombas nun 30% no primeiro ano e nun 70% nun período de cinco anos. Estas medidas contaban co apoio das asociacións especializadas na defensa do benestar animal. Informábase tamén que o reagrupamento de ocas e outras aves acuáticas e a súa alimentación espontánea a base de pan (que tal parece que provoca nas aves certas enfermidades), favorecía o desenvolvemento de doenzas transmisíbeis, contaminaba o medio acuático, destruía a vexetación de base dos estanques, atraía os roedores e facía aos paxaros dependentes da actividade humana.

Despois de analizar a información fornecida (en francés e neerlandés, linguas cooficiais), entendín mellor a medida coercitiva, pois poñía en risco as campañas de control de pragas. En varios lugares de Galiza temos un problema serio coas pombas e as gaivotas que asaltan os cidadáns en terrazas e alamedas. Haberá que abandonar a imaxe idílica de alimentalas e tratar de controlar a súa poboación.