Opinión

Políticos ilustrados

Segundo recolle o xornal Político, que analiza a actualidade das institucións europeas, a semana pasada, o Presidente do Eurogrupo, o irlandés Paschal Donohoe, presentou diante dos seus colegas, os Ministros de Finanzas da Unión Europea, o que el denominou "Ulysses update".

Nesa posta ao día ou aggiornamento, daba conta o ministro das traducións da novela Ulysses, do escritor irlandés James Joyce, ás linguas europeas. Citaba con especial énfase as traducións ao galego e ao finés. Pouco despois, reproducía con variado material gráfico a súa intervención a través de Twitter, incluída unha foto da capa da edición en galego de editorial Galaxia. Expandía así o seu orgullo de ter entre os seus escritores un dos maiores anovadores da narrativa anglosaxoa e mundial (sobre todo se entendemos as versións lingüísticas como re-creacións dun texto).

Cumpríanse cen anos dende a primeira edición do libro e o ministro irlandés non quixo deixar pasar a oportunidade de expresar o seu orgullo de nación por semellante xesta literaria. Non sei se a ministra Calviño, alí presente, tería feito o mesmo con ocasión das traducións de, por exemplo, Cantares Gallegos ao xaponés ou dunha escolma rosaliana vertida ao guaraní. Non me consta que nin ela nin os nosos gobernantes máis próximos teñan celebrado as nosas letras en público.

Para quen diga que todos os políticos son iguais, este de Donohoe é un exemplo 'a contrario'. Políticos hainos groseiros e até túzaros da peor especie, mais hainos tamén con outro talante (e outro talento), con sensibilidade artística e literaria, con orgullo de pertencer a unha cultura. Son aqueles que consideran a cultura non só un ben de uso (recreativo), senón tamén un dos alicerces da sociedade e unha das garantías de camiñar cara ao futuro sen mimetismos nin gregarismos (dous dos males dos nosos días).

E os nosos, os de aquí, os que prefiren a inxustiza ao desorde, os que prefiren a 'liberdade' ou o solpor doutros mares, como son eles?