Opinión

Paseo

Saio a pasear pola veiga do Sar. Por entre ameneiros, carballos, bidueiros e un sen fin de árbores e sebes arbustivas, pasado o Muíño dos Concheiros vou cara a aldea da Meana, no Concello de Rois. De alí, por unha pista asfaltada, achégome ao Santuario da Escravitude, de nome terríbel, pois anticipa o destino destas xentes, que de escravos en terra pasaron, na súa maioría, a ser escravos tamén nas terras de promisión ás que fuxiron encirrados pola fame. Dos dezaseis fillos da miña bisavoa María, oito partiron para alén mar na procura doutras oportunidades. Uns tiveron a sorte de medrar na vida, aínda que fose de xeito pasaxeiro, e outros, malpocados, perdéronse na ignominia das vilas miseria dos arrabaldes de Bos Aires, seguindo o ronsel e a guía dos descamisados peronistas.

Neste paseo polas que foron as súas terras de xuventude, fun repasando de xeito sucinto a vida de todos e cada un deles e delas, pois tamén houbo mulleres nese tráfico de escravos. Tratei de desmitificar a sorte variábel que eles tiveron, aqueles que se fixeron ricos en Cuba para ficar logo na pobreza dos desposuídos cando non na miseria ética dos refuxiados, e aqueloutros que nunca chegaron a saír da bouza onde viviran, aquén e alén do océano. Mais, así e todo, hai unha mitoloxía propia de escravos traficados, de camadas de home e mulleres compelidos a emigrar polas poucas oportunidades que a terra daba.

Eles partiron cos estudos básicos e a forza dos titáns e o seu destino non foi outro que o traballar arreo, perdendo o que conseguiran ou non chegando a erguer a testa como bois barrosos condenados ao xugo da pobreza. Outros seus descendentes, partimos tamén, certo que noutras condicións e con outras expectativas, mais na fin tivemos tamén que fuxir dun lar onde non había oportunidades, onde a miseria ética se instaurou logo de décadas de opresión e inxustiza.

Paseando pola beira do Sar repasei esta miña historia familiar e quixen ver, mais unha vez, a necesidade imperiosa dun cambio de rumbo do país.