Opinión

Paseo (III)

Odomingo pasado estiven paseando por St Jean de Luz/ Donibane Loseizune, cidade francesa que se sitúa en Iparralde (Euskadi norte), o que os franceses denominan Pyrénées Atlantiques. Seguindo o paseo marítimo achegueime a punta de Sainte Barbre/Santa Bárbara, para observar na distancia os acantilados coas seus impresionantes pregues tectónicos, que constitúen un espectáculo digno de ver. Dende alí continuei a camiñada até o Xardín botánico Paul Jovet, cuxo obxectivo é presentar e preservar dende unha aproximación pedagóxica a flora típica dos principais ecosistemas da costa vasca (fachadas marítimas, bosques caducifolios, dunas), a miúdo ameazados pola actividade humana (talas, construcións costeiras, repoboacións).

Nese paseo dinme de conta da importancia, xa non só de preservar, senón tamén de plantar sebes de especies vexetais autóctonas a xeito de balados entre propiedades e nas beiras dos camiños. Estas barreiras de sebes contribúen ao mantemento da biodiversidade, en particular de insectos e paxaros, mais non só, constituíndo pequenas ‘illas de biodiversidade’. Despois cavilei que moitas illas poden constituír un arquipélago e varios arquipélagos xuntos unha especie de ‘polinesia de diversidade’. Estas illas e arquipélagos actuarían así a xeito de reserva e provisión dunha multiplicidade de especies o que contribuiría, sen dúbida, a contrarrestar senón tamén a neutralizar o efecto devastador que a actividade humana ten ocasionado nos nosos ecosistemas (entre eles a diminución da variedade de especies nos nosos bosques).

Fun matinando no paseo de regreso que non se constrúen ‘vías verdes’ e ‘paseos marítimos’ simplemente asfaltando camiños ou construíndo pasarelas de madeira, para que a poboación poida pasear ou desprazarse nas súas bicicletas ou monopatíns. Non estaría mal que os nosos rexedores, nos que temos depositada a xestión de pobos e cidades, repensaran o concepto de ‘vías verdes’ para convertelas, precisamente, en illas de biodiversidade.

Comentarios