Opinión

Pasamento de Afonso Paz Andrade

Hai uns poucos días souben do pasamento de Afonso Paz Andrade. No pasado recente, cando el aínda se ocupaba de organizar as Exposicións Mundiais da Pesca en Vigo e dirixía a revista Industrias Pesqueras, tivemos varias conversas profesionais verbo da pesca de grandes profundidades, das súas oportunidades e os seu perigos. Acolleume sempre con respecto e sempre falamos entre nós en galego. Malia que o mundo empresarial galego teña virado as costas á lingua de noso, el formou parte desas excepcións que confirma a regra. Nunca tivo problema en defender o uso do galego, como proba a súa implicación en varias fundacións culturais de carácter galeguista.  

Levábamos algo máis dunha década sen vernos, pois eu deixei de me dedicar a xestión das pescarías de fondo e pasei a traballar nos túnidos, que non era materia do seu interese primario. Coido que foi con ocasión da celebración do día dos océanos en Vigo, cando eu vin ler o discurso en nome do Comisario Borg, cando nos vimos por última vez. Eu escribira o discurso en inglés (non crerán aínda inocentes que os xefes escriben os seus discursos?). Resultou que o Comisario non puidera vir por outro compromiso. Daquela pedín permiso ao seu gabinete para traducir o texto acordado ao galego e así foi que lin no acto de Vigo. Fun o único orador que falou en galego e iso fixo acordar a solidariedade de Afonso, que rematado o discurso, que por certo pechei cun par de liñas de Alba de Gloria de Castelao, acudiu pronto a felicitarme, cousa que non fixeron os outros oradores, todos eles expresándose en castelán, incluíndo o alcalde de Vigo, como submiso servo do centralismo lingüístico. Foi algo que lle agradecín e lle agradecerei sempre a Afonso, a súa continuidade como galeguista, malia formar parte da elite do capital galego. 

Se todos os pasamentos son unha mágoa para as súas familias, non todos o son para a sociedade no seu conxunto. Este éo, pois perdemos os desterrados na terra, un dos nosos valedores. 

Comentarios