Opinión

Palabras maiores

"Cando os membros da Comisión Europea comezaron o seu mandato de cinco anos en decembro de 2019, ninguén podía imaxinar que, só uns meses despois, estarían aplicando o maior paquete de axudas con cargo ao orzamento da EU: o Marco Financeiro Plurianual (MFP) e o Programa NextGenerationEU; que estarían pondo en marcha a maior estratexia de vacinación da historia da EU ou creando nun tempo escaso un sistema de certificación dixital utilizado por 60 países de cinco continentes". Así comeza o seu discurso de avaliación de metade de mandato a Presidenta da Comisión Ursula von der Leyen. 

Fala tamén do Pacto Verde, o compromiso para acadar en 2050 a neutralidade climática, algo escrito na Lei Europea do Clima e das máis de 2000 medidas para amortecer o impacto económico da pandemia. Como non podería ser doutro xeito, fala de salvagardar a igualdade e o Estado de Dereito e de protexer os cidadáns da Unión Europea. Aí, a Presidenta resulta menos explícita, planeando un desexo máis que unha realidade. A discriminación estrutural está realmente aquí, no día a día, e tal parece que os gobernos conservadores dos varios países da UE están precisamente para contradicir as palabras do Presidenta. 

A realidade contradí o triunfalismo. O avance na igualdade de dereitos sociais é variábel e asimétrico, os obxectivos da Lei do Clima semellan tímidos e, probabelmente, serán revisados (á baixa, por descontado), a desinformación da poboación vai en aumento, a aculturación aumenta e a xustiza social resulta un obxectivo móbil, que se afasta en troques de se achegar.  

Noutras palabras, os obxectivos (preparación para futuras crises sanitarias, liderar a transformación dixital, avanzar na consolidación da democracia, garantir condicións de traballo máis xustas e loitar contra o mudar do clima) son -todos eles- asumíbeis pola poboación, mais temo que non o sexan (máis alá das palabras) polos varios gobernos conservadores que se dan en Europa. Cousas veremos que farán falar as pedras.