Opinión

No tren

Viaxo bastante en tren que considero o sistema de transporte mais axeitado ás miñas necesidades (ou se cadra limitei as miñas necesidades para me adaptar ao ferrocarril, tal vez). Xa sei que non ten a flexibilidade do transporte privado, que te leva cando ti decidas e a onde ti queiras (dentro duns límites tamén pero máis laxos).

Adoito usar sempre os mesmos traxectos e así fun analizando a evolución (non ousaría chamarlle progresión, o progreso é outra cousa, non ligada a unha dependencia) no uso da telefonía móbil. 

As normas de conducta co trebello non están moi claras (ou si, mais todo o mundo desliga as normas mínimas de urbanidade e civismo cando se trata do móbil) e daquela adoita haber un cruce de vidas expostas ao público interese e, sen querelo, sabemos que A está preocupado pola saúde de B, que C reacciona de xeito violento ós requirimentos de D, ou que E non deixa de recibir chamadas, mais as conversacións carecen da mínima substancia.

Nese trasfego de chíos, alertas, musiquiñas, conversas, pitadelas... resulta complexo concentrarse na lectura. Por iso o outro día, cando observei que no vagón viaxaban un par de persoas máis afanándose na lectura dun libro, pareceume magnífico e case tenro. Ademais, aquelas persoas non eran da miña quinta –adictas as máis delas ao Candy Crush e á consulta desaforada das redes sociais– senón que estaban nesa idade magnífica que vai alén dos vinte sen chegar os trinta.

Para a miña sorpresa tamén –esnaquizando estatísticas, aínda con mostra ridícula– tratábase de dous homes, que preferían aquel divertimento a estar ancorados no seu teléfono, que de seguro utilizaban cando era preciso e non en todo tempo e lugar, como dependencia absurda. 

Non tiven a ousadía de investigar que estaban lendo, mais polas capas, que tantas veces identifican unha editorial ou unha colección, vin que era en castelán, o que fixo baixar unha chisca o nivel de entusiasmo, mais aínda así anoteino no meu caderno de peto, pois mentres hai lectura hai esperanza.