Opinión

Marihuana no agro

O CBD e o THC son as compoñentes máis famosas do cannabis. A grandes trazos, o THC é o ingrediente psicoactivo, o que produce estados eufóricos, que é o que se busca co consumo recreativo da marihuana; e o CBD, ese principio activo que consegue poñelo de moda entre todos os públicos, pois non produce –ou apenas- efectos psicótropos, mais axuda nas doenzas reumáticas e no control da dor e por tanto é considerado "cannabis medicinal".

Estaba lendo o xornal Liberation, que acompaña o café das mañás (un 50% máis barato antes das 11), cando reparei nunha nova que en tradución libre viña a manda a seguinte mensaxe: os xubilados do agro quixeran organizar merendas con tisanas de CBD. Isto en Francia, que non é particularmente permisiva coa marihuana. Chamoume a atención o comentario. Nas sociedades rurais fíxose de sempre uso dalgunhas sustancias extraídas das plantas (a marihuana entre elas), mais eses usos eran sempre no ámbito do privado cando non do excéntrico (e os seus usuarios tidos como bruxos ou, en tempos escuros, como sospeitosos de pautos co demo).

Agora non. Agora os xubilados do agro franceses vindican o seu dereito a mercar a marihuana baixa en THC e con efectos terapéuticos miorelaxantes. Reclaman así unha democratización do seu uso, de xeito que sexa accesíbel nas baiucas dos lugares (eses colmados onde se merca case de todo), nos pequenos quioscos dos pobos, nunha liña do lado dos caramelos, ou mesmo nas farmacias, onde se poidan despachar sen receita e sen maiores trabas administrativas.

Como persoa xa entrada en anos e dores erráticas, paréceme ben que eses labregos non se teñan que desprazar ás cidades para se fornecer de remedios contrastados contra as súas dores e quebrantos. Gustaríame tamén que o uso que vai alén do medicinal estivese permitido sen necesidade de ter que facer uso dun traficante ou dun intermediario, mais aquí quixen dar conta do que acontece en Francia, vindicando para o noso agro, a urxencia de facer dispoñíbeis as variadas presentacións destas sustancias paliativas.