Opinión

Letras viaxeiras (II)

Esta semana tamén visitei o aeroporto, no que ven sendo un ir e vir de Bruxelas a Galiza para atender a unha variada lista de compromisos e obrigacións.

Case todos os que por alí andaban eran turistas. Algúns achegáronse ao quiosco preguntando por textos en inglés e francés de escritores locais. Gustáralles o país, algo escoitaran falar nestes últimos días das letras galegas e, como eran ilustrados e non uns pailáns, querían saber da man dos nosos escritores como eles entendían o país. A funcionaria que atendía o posto puxo cara de cornana, sinalou un pequeno andel e eclipsouse, caneando a posibilidade de máis preguntas incómodas.

Os turistas curiosos ficaron pampos de que non houbera autores locais entre a minguada selección. Algún en castelán, certo, mais iso era todo, fabas contadas, que xa indixestan. Ollaron cara a min e expliqueilles o conto. Libros de autores galegos en inglés, francés e noutras linguas de difusión global existen, por descontado. Acontece que quen fai a escolla dos libros que se ofrecen, quer nos aeroportos galegos, quer en moitas librarías de Galiza, carece da sensibilidade necesaria para se adiantar ás lóxicas demandas culturais dos viaxeiros.

Os libros existen. Os editores cobraron da administración as subvencións, mais como non arriscaron no empeño, e publican baixo demanda, tanto lles ten vendelos coma non. Pola súa banda, a administración, en canto verifica que se publicou o libro desenténdese do asunto, considerando que xa cumpriron a súa parte.

Letras galegas, si, mais tamén noutras linguas para exportalas, para que a nosa cultura sexa entendida fóra como algo máis, alén do polbo á feira e catro ritos relixiosos, a metade pagáns.

Para iso fun deseñando no pasado varias ideas, dende a 'acupuntura cultural' até a creación dun corpo de 'embaixadores da cultura galega'. Escribino e falei diso en varios medios de comunicación, mais tal parece que non hai quen escoite, e se os hai, están máis preocupados en defender as súas minguantes esferas de poder.