Opinión

Ler 3.0

Hai uns días estaba eu tomando café nun Eski de Bruxelas (alí antes das 11 o prezo é 1,50, en troques dos 3 euros que custa normalmente) cando, en ausencia de xornais noutras linguas (ocupados polos parroquiais), din cun exemplar de Il Corriere della Sera. Como a miña comprensión escrita do italiano padrón dá para ler sen atrancos, púxenme a follear o xornal. Interesáronme as dúas páxinas dedicadas ao Salone dei libri de Torino. Apenas falaban de novidades editoriais e só comentaban novidades de edición. Explícome. Agás a mención dun título Fabriccante di lacrime, de Erin Doom, oculto/a baixo o pseudónimo de DreamsEater, o demais eran referencias a novos modos de ler e mais de editar.

En primeiro lugar algo que pode resultar obvio: o mercado do libro márcao a xente nova, que non só le (de xeito diferente ás xeracións anteriores por mor das posibilidades tecnolóxicas) senón que o fai de xeito compulsivo, aínda que sexa en plataformas distintas das tradicionais. Non estou falando de libros electrónicos (unha especie de antigalla que precisa unha renovación nos contidos e nas presentacións), senón de whattpad, de webtton (bandas deseñadas en vertical que se poden seguir no smartphone), a plataforma de lectura Jundo, e aínda dos extras que os libros tradicionais poden levar coa incorporación de códigos QR, quer para obter bandas sonoras (que tantas veces acompañan a lectura) quer contidos adicionais (entrevistas, recensións, críticas académicas).

Os temas que interesan aos lectores de menos de 20 anos son probabelmente os mesmos (máscaras aparte) que interesaban ás xeracións anteriores, o que acontece é que presentados doutro xeito (tecnoloxía), cunha perspectiva máis global (internacionalización do mercado, dos xeitos de vida) e cunha certa diferenciación diacrónica (simplificación ideolóxica, non exclusiva da mocidade senón da sociedade no seu conxunto).

Estas notas, simples coma elas, son por mor do espazo dispoñíbel, constitúen, ao meu parecer, materiais de reflexión estratéxica para o noso sistema literario.

Comentarios