Opinión

Información

A funcionaria/contratada/precaria ou fixa, tanto ten, que está encargada de atender no mostrador de información da estación de autobuses olla atentamente a pantalla do seu ordenador. Eu alí chantado diante do metacrilato que nos separa chamo a súa atención cunha tose ritualizada. Ten que abandonar a páxina de facebook que semella estar dándolle maiores satisfaccións que desenvolver o seu traballo con dignidade e respecto. Ela non o sabe mais eu vexo nun espello que ten detrás das súas costas que ela non está precisamente traballando.  Ela desvía a vista da pantalla por un instante e fala nun ronquido tipo quenlla malhumorada. Pregúntolle por un autobús a Viveiro. Logo de consultar unha carpeta onde ten anotados os horarios das liñas que de alí saen, di: de aquí non hai e retorna á súa ocupación. Pregúntome para que raio lle asignaron un ordenador se non o consulta, se non fai o mínimo intento de pescudar posíbeis combinacións de autobuses para chegar de A a B.

Conténtase a funcionaria con dicir que de alí non sae ningún autobús directo a Viveiro. Non move un músculo para procurar alternativas, nin por fas nin por nefas. Nada fai por agradar, por consolar nin tan sequera por procurar algunha alternativa. Para que ten ordenador? Para consultar Facebook, xogar partidas de xadrez ou escoitar cancións latinas en bucle? Quen sabe. Cadaquén ao seu gusto, mais un informador que non informa, que baixa os brazos á mínima dificultade, é alguén que non debería ter un emprego cara ao público, pois sempre vai fracasar no empeño de orientar e/ou informar.

Da súa actitude colixo que: a) non lle gusta o seu traballo; b) detesta o contacto coa xente (mesmo visual); c) encántalle estar fisgando en facebook, odiadora desapiadada; d) descoñece a arte da diplomacia; e) leva, con toda probabilidade, unha existencia infeliz.

Da miña actitude colixo que me vai resultar cada día máis duro convivir con xente tan estraña, tan pouco amábel e tan túzara.

Comentarios