Opinión

Incendios

Dende que teño uso de razón, cada verán hai incendios na contorna. O tamaño deles, o número e, probabelmente, a intencionalidade teñen mudado nestes últimos cincuenta anos. O problema pasou de ser algo local e relativamente sinxelo de controlar, a ser unha catástrofe ecolóxica e, por tanto, social. 

Esta sociedade non é quen de controlar este fenómeno, cando menos na súa manifestación actual. As causas son diversas. Hai parámetros que foron variando até levar a esta situación de desequilibrio. Así, a composición de especies foi mudando coas repoboacións, primeiro de piñeiro e despois de eucalipto; a economía circular monte/agro desenvolvíase hai varias décadas dun xeito ben distinto do actual, e a implicación da poboación rural no control do lume era maior, pois nin estaba tan envellecida nin era tan escasa. 

A situación actual de auténtica loucura colectiva, particularmente adobiada polas palabras irresponsábeis dalgúns políticos mal informados, precisa dunha discusión seria e dun cambio de rumbo inmediato. Nin os incendios son todos eles de orixe natural (negando a clara intencionalidade dos incendios e a incompetencia policial que supón o non deter aos criminais), nin o monte é un xardín que hai que limpar (traspasando así, sen o menor sinal de empatía, a responsabilidade dos incendios a unha poboación rural avellentada e escasa).

Coido en pensar que os nosos técnicos forestais terán avanzado na análise da situación (o predominio de especies pirófitas, a proliferación de incendios provocados). Tamén os economistas terán estudado a lóxica de mercado, pois seguindo o diñeiro sempre se dá con quen sae beneficiado. Na lóxica criminal, os que saen beneficiados adoitan ser, directa ou indirectamente os perpetradores dos crimes.

E agora, que facer? Por onde comezar a desfacer este nobelo de despropósitos? Pois toca revisar, ou, mellor dito, redefinir a política forestal. Esta columna non dá para máis. Só dicir que gobernar un país non é a misión dun único partido, por moita maioría que teña no parlamento.

Comentarios