Opinión

Ferruxe

Do mesmo xeito que as placas de colesterol entupen as arterias producindo arteriosclerose, a ferruxe da rutina social, esa inercia das tradicións e dos ritos, remata por entupir a evolución das fozas sociais, diminúe o afluxo anovador e remata por producir a parálise do corazón mesmo da sociedade. Esa ferruxe é o conservadorismo, o inmobilismo positivista que trata por todos os medios de xustificar a orde estabelecida, elevándoa á categoría de natural, de intocábel.

Cando no horizonte se albiscan movementos contra esa orde (chámenlle capitalismo global, chámenlle liberalismo económico), o sistema, ou sexa as grandes corporacións, os poderes fácticos, flamexan a bandeira da inseguridade, dos podredoiros de inmigrantes, que, prescindíbeis, só aportan doenzas pandémicas e libertinaxe. Pasou na Arxentina do xeneral Rocha, que coidaba que a exterminación dos indios era condición indispensábel para erguer unha gran nación, aconteceu cos nazis, que vían na solución final o alicerce para a construción da gran nación xermánica e pasa, agora e aquí, cando todos os problemas, temporais ou estruturais, son responsabilidade única daqueles que decidiran atacar a ferruxe. Os problemas que non semellan ter solución no noso país teñen como responsábeis últimos aos nacionalistas e as súas ideas radicais, aos que gobernan no estado (sempre que estes sexan dunha ideoloxía diferente), os inmigrantes, que se benefician do noso sistema social e poñen en perigo as nosas pensións. Os outros.

Esta ferruxe expándese entre as clases menos favorecidas, anestesiadas pola promesa dun mundo mellor, máis seguro, máis san, onde, por descontado, se aposte pola orde, polo positivismo máis rancio. Arboran así a bandeira da tradición, das clases elixidas por Deus para gobernar (dende a xefatura do estado, elevada a esa condición pola graza de Deus, até a das familias con brasóns verdadeiros ou falsos, aqueles aos que todo está permitido, pois forman parte da elite escollida).

Hai que eliminar a ferruxe.