Opinión

Dor e gloria

Hai tempo que non embarco. Fíxeno de xeito ininterrompido entre 1984 e 1994, case sempre nas augas do Atlántico Norte, quer en Terranova quer en Noruega, mais alá do Círculo Polar Ártico, quer aínda nas augas europeas do Atlántico e, daquela, síntome, coido que en xustiza, como home de mar.  

Por iso cando visito (gloria) a praza de abastos do Calvario en Vigo, por ser ela a máis próxima ao meu lugar de residencia secundaria, sinto que un mundo se abre diante dos meus ollos. Afeito á escaseza e redundancia do peixe dispoñíbel nos mercados belgas (onde morei por máis de 30 anos), visitar os postos de peixe no Calvario é pura marabilla. As primeiras veces, asolagado pola saudade, enchéronseme os ollos de bágoas pola imposibilidade de escoller entre tanta variedade e tanta frescura. 

Mais tamén, cando visito o mercado acoden as lembranzas dos temporais e das moitas xornadas á capa, esperando que pasaran os maos tempos, as ondas como mundos de Terranova, os ventos xélidos do Ártico ou as ondas traizoeiras de Escocia, onde se xuntan dous mares. Lembro aos colegas da Arousa e do Morrazo, xogando aos naipes mentres eu sentía o 'enxoo' da náusea e o desconforto do mareo. Lémbroos tamén, un día terríbel, cando todos eles, sen faltar un, se puxeron a rezar a salve mariñeira, cos barcos no medio dunha treboada tropical (Klaus), da que pouco faltou para que non saísemos con vida.

Por iso (dor), cando leo ou escoito a nova desta semana, do naufraxio do Villa de Pitanxo nas xélidas augas de Terranova, alí onde outrora eu navegara xornadas sen número, sinto un arreguizo intenso, de frío e medo ao mesmo tempo, mais tamén un non sei que solidario, de dor compartida cos compañeiros da irmandade do mar que non saíron desta, deixando vidas e ilusións, familia, amigos e amantes no camiño.  

Non sei ben o que puido acontecer e o porqué do naufraxio, mais cómpre lembrar sempre, que tras da gloria anda sempre agochada a dor, neste caso inmensa. Que o mar vos sexa leve, irmáns.