Opinión

Disciplina

A práctica común no sistema parlamentario español consagra o sistema de disciplina de partido. Os parlamentarios votan o que lles manda a dirección. Ás veces, en casos moi puntuais, algún partido concede aos seus membros liberdade de voto, o tamén chamado voto de conciencia. Esta liberdade de voto é, pois, o excepcional. A norma é o seguimento cego da consigna partidaria. 

Por iso, cando se producen desviacións desta norma, saltan todas as alarmas. Foi o caso da votación da reforma laboral no Congreso dos Deputados. Dous deputados da Unión do Pobo Navarro votaron "non" en contra do que a súa dirección propuxera, disque por unha cuestión de conciencia, e un deputado do Partido Popular votou "si", en contra tamén do indicado polos seus xefes, segundo el por un –improbábel– erro informático, pois tal parece que o sistema inclúe un mecanismo de verificación por parte do que emite o voto para evitar, precisamente, unha contabilidade errada. 

Mais como sempre acontece nestas situacións, cómpre analizar a quen favorece a decisión final. Favorécelle ao Goberno, por descontado, que se coloca unha medalla por ter modificado o marco laboral (trátase dunha reforma non dunha derrogación do sistema precedente, como denunciaron varios axentes sociais como a CIG e varios partidos que outrora apoiaran ao Goberno) co acordo dos empresarios e dos sindicatos maioritarios no conxunto do Estado (outra vez a negación da diversidade). Favorécelle ao PP, pois os empresarios (os máis deles na súa órbita ideolóxica) así o reclamaban e, ademais, consolida en gran medida o marco laboral que eles mesmos (o PP) propiciaron cando gobernaban. 

A miña teoría (algo excéntrica) é que o deputado do PP non se equivocou no voto. Polas razóns que sexan foi escollido pola dirección do PP (que nesa altura xa sabía que os deputados de UPN votarían en contra da reforma) como cabeza de turco. Todos eles gañan, ninguén perde. Está por ver se os traballadores gañan ou perden, mais para os intereses dos partidos maioritarios, isto é, seguramente, cousa menor.