Opinión

Despedida

Aquí, sentado nunha bancada e ollando para o mar das Cíes, nun día solleiro que convida a pasear, despídome de todos vostedes e desta columna excéntrica. Algúns dos lectores deste xornal sentiranse aliviados (por fin calan a ese fulano) e outros, os que me seguían con interese cada vernes, desertarán da lectura deste xornal, nunha decisión anunciada. Algúns aínda, cos ollos inxectados en bile, lembrarán con orgullo sectario o día no que, agochados de xeito covarde baixo un pseudónimo, propuxeran queimar todos os meus escritos (si, tamén entre os lectores de Nós hai seres irracionais e violentos, dispostos no seu sectarismo a enviar a quen opina diferente a podrecer nun Treblinka ou nun Gulag calquera). 

Non sei se para satisfacción dos máis e anoxo dos menos ou viceversa, seguirei colaborando nestas páxinas, agora na sección de Cultura. Deixo pois unha zona de confort (a opinión excéntrica) para mudar de rexistro e presentarlles colaboracións máis analíticas. A tarefa vai resultar complexa pois require non só deixarse levar tanto pola emoción do momento, como pola reflexión pausada. Entendo, pois, esta mutación como unha oportunidade de abrir as propias fronteiras do coñecemento e se cadra do de outros, quen sabe se dos mesmos que, nun intre infausto de ofuscamento e pasmo, propuxeran queimar libros.

Despídome, pois, sabendo a pé feito, que agradei a uns e anoxei a outros, o que está na orde natural da vida en sociedade. O contrario –anoxar ou agradar a todos os lectores– resultaría excéntrico e non tanto no senso de chocante como de afastado da norma estatística.

Hai tempo que sei que o meu rol non é o de seguir os bandeirantes, que intentan sen éxito atacar unha Bastilla ou un Pazo de Inverno, que non existen senón nas súas mentes sectarias, así que seguirei a traballar como a toupa pitoña que abre camiños subterráneos, minando as boas conciencias e lanzando preguntas coma dardos. O dito, até máis ver e que sexan felices na procura da liberdade, esa tarefa constante de cuestionamento da realidade.

Comentarios