Desacougo
O comezo deste ano está sendo ambivalente. Primeiro tiven a sorte de partillar estrado co poeta chinés Lian Yang, na serie poetas di(n)versos, unha iniciativa da poeta galega Yolanda Castaño secundada polo Concello da Coruña. Un luxo para A Coruña, para nós como galegos e, neste caso, para min partillando estrado cun aclamado poeta internacional.
De estar interesados neste e noutros recitais poéticos da serie poderán consultar a páxina de poetas di(n)versos e terán acceso as gravacións videográficas. A parte desacougante ben agora. Ao parecer había na sala alguén contaxiado da Covid. Agora estou en corentena á espera de facer as probas para detectar se fun contaxiado ou non. Estou ben, mais desacougado pola situación e porque son varios os amigos e familiares pasando por situacións semellantes en varias cidades e vilas da Galiza. Desacougo entón, acae ben para definir a situación.
Desacouga tamén saber que temos un déficit de traballadores sanitarios en todos os niveis de atención, dende a primaria até a especializada. Milleiros deles emigraron na década pasada e non están dispostos a regresar pois as condicións que se lle ofrecen na sanidade pública non son as mesmas que poden gozar en outros países de Europa. Non é tanto unha cuestión de salario (pois o custo de vida e a carga impositiva poder ser maior nalgúns países de destino), senón a precariedade.
Desacouga, en fin, saber que levamos 22 meses de pandemia e non sei se aprendemos moito para no seu día atallar situacións semellantes. Quero crer que si, que no futuro teremos outros reflexos adquiridos, quer as institucións, quer os cidadáns, mais coido en pensar que xa vai sendo tempo de lexislar de xeito claro e flexíbel para evitar o bochorno das actuacións xudiciais, tantas veces contraditorias.
Quero crer que como o calendario non é senón unha convención para medir o tempo, este inicio errático non será necesariamente o inicio dun ciclo e a lei da compensación universal traerá tempos mellores. Iso espero.