Opinión

Candorcas

Este verán apareceron informacións alarmantes sobre os ataques das candorcas aos veleiros de recreo. Tal parece que producen danos no leme e noutras estruturas externas. Hai quen o interpreta coma un comportamento anormal e, alén da anécdota, considérano un problema de seguridade marítima.

As candorcas entran con certa regularidade nas almadrabas do Golfo de Cádiz perseguindo os cardumes de atúns vermellos até o interior desas artes de pesca. As almadrabas está alí dende a Idade Media, e nestes séculos sufriron, case cada temporada de pesca, o ataque das candorcas. Uns anos máis e outros menos, mais é un perigo potencial e recorrente.

No libro In the Hearth of the Sea, de Nathaniel Philbrick, que relata o naufraxio do Essex en 1820, din cunha pasaxe que transcribo para a súa maior comprensión: "[O capitán] Pollard contoulles que ese navío fora atacado por unha balea. En troques dun cachalote, tratárase dunha balea máis pequena mais moito máis agresiva, unha candorca". Na narración do caso que a eles lles acontecera Pollard relata: "Sen sufrir ningunha provocación a balea golpeou violentamente contra a amura do bote e arrincou cos seus dentes unha parte importante da borda. Despois de xogar con nós ao gato e ao rato, lanzou o seu ataque final, esta vez rachando o bote pola súa popa". 

Ilústrase así con exemplos do pasado recente (as almadrabas do Golfo de Cádiz) e do pasado remoto (hai douscentos anos), o carácter agresivo das candorcas. No caso das almadrabas perseguindo os atúns vermellos para se alimentar deles e no do naufraxio do Essex atacando directamente os botes, sen outra intención coñecida que destruílos.

Trátase dunha interacción entre unha especie no seu entorno natural e uns navegantes que entran no seu territorio acuático. Algo que, ademais, nin é exclusivo destas augas nin é un fenómeno recente. Esperando que as candorcas sigan a súa emigración na procura dos atúns, haberá que tomar medidas preventivas e non dramatizar en exceso.