Opinión

Baño de realidade

Non teño coche propio. Cando tiña dezaoito anos intenteino. Tiven variados accidentes e decidín deixalo. Despistábame e non tiña reflexos. Agora teño moitos menos aínda. Sería un perigo público.

Por razóns e compromisos varios tiven que ir de Vigo a Viveiro en transporte público (despois regresar, por descontado). Non direi epopea, mais algo semellante, con variados medios de transporte, en ningún caso coordinados. Nas horas sen número aproveitei para ver país, para constatar a beleza da Mariña luguesa, malia a abundancia de eucaliptos. Na feira do libro de Viveiro estiven unha hora nunha caseta, teoricamente para asinar libros. Nese tempo o libreiro vendeu uns trinta libros, ningún en galego. Ben, si, un meu para alguén que colecciona autógrafos. Despois, estiven outra hora noutra caseta, con resultado semellante. Paseino ben en Viveiro, cun par de amigos que me mostraron a vila (moi virada á idolatría católica e ao turismo estatal), ceamos ben e falamos de proxectos en marcha até altas horas da noite.

De boa maña subín a un tren que me levaría a Ferrol. Despois, ruar pola cidade case deserta até que un autobús me levou a Compostela, onde, mágoa, nun tanatorio fun despedir a unha amiga que coñecera en Bruxelas. Cheguei co tempo xusto para darlle unha aperta á súa parella, envurullado en bágoas.

En resumo, vivimos nun país onde o transporte público non dá servizo á poboación, onde non hai demanda pois non hai oferta, onde a beleza da paisaxe agocha o deterioro do medio ambiente, onde a sanidade pública foi esnaquizada e xa só proporciona diagnósticos terríbeis, resultado do desleixo nos protocolos e o retardo nas actuacións, onde a planificación se traduce en improvisación, onde menos do un por cento da poboación le en galego de xeito autónomo, onde as crenzas esotéricas e os excesos gastronómicos constitúen a esencia da galeguidade. Mentres, ondadas de xente nova emigra procurando un futuro mellor.

De regreso en Vigo, choveu. Grazas a San Roque, por descontado.