Opinión

Atrapados

A min 'xa' non me gusta o Nadal. Fago fincapé no "xa", pois houbo un tempo no que me agradaba. Acontéceme como co fútbol, que eu gozaba xogando, indo a ver os partidos do Compostela ou vendo as retransmisións televisivas e agora prodúceme unha sensación de artificialidade e de engano tan enorme, que do último mundial só vin 15 minutos dun partido de Xapón, e só porque me coincidiu nunha cafetaría, mentres cubría impresos.

Gustábame o Nadal porque, dalgún xeito, participaba na súa preparación. De neno e de mozo era o encargado de ir procurar o mofo, que escollía o máis destinguido posíbel, entendendo que Palestina (onde todo aconteceu) debería ser un lugar máis ben seco. Tamén tiña o meu rol na cociña, pois era o encargado de preparar as bandexas de friames e as de lambetadas. Cando medramos uns e o pasamento doutros fixo que minguara a ilusión e o número de asistentes (moitos dos cales estaban a dieta disto ou destoutro), as celebracións perderon moito do seu sentido.

Así e todo, eu vivía a meirande parte do ano no estranxeiro e o Nadal aínda era unha ocasión para visitar á familia minguante, aínda que o 'espírito do Nadal' xa non era o fundamental no retorno. Agora retornei ao país, e nada menos que a Vigo, onde o Nadal é unha apisoadora ideolóxica dende mediados de novembro e, daquela, sentín, como me acontecera co fútbol, unha sensación de engano e artificialidade.

Eu xa sei que para algúns eu podo resultar raro e inzado de contradicións, pois aborrezo as tradicións por inmobilistas e, daquela, non sigo consignas de ningún bandeirante. Tampouco adoito felicitar o Nadal e confórmome con expresar os meus mellores desexos para o ano que vai entrar (e aquí, mesmo edulcorando a felicitación, hai unha contradición). Detesto recibir de xente que se di progresista, de esquerdas e revolucionaria, felicitacións de Nadal con neve, abetos, con bolas de cores, follas de acivro, renos, Pais Natal, estrelas con cola, pastoriños e outras melindradas.

A min 'xa' non me gusta o Nadal.