Opinión

Apatía

No mundo acontecen cousas terríbeis. Se cadra debería dicir nos mundos, pois tal parece que cada un de nós habitamos un mundo diferente, coma se fósemos burbullas que se tocan máis non se mesturan. Son cousas miñas, que ás veces teño crises de petit-mal epiléptico e fico ollando para o infinito, que sería a imaxe mesma da apatía, de desconexión do real, da alienación transitoria. Até a adolescencia tratáronme con barbitúricos e agora experimento, se cadra, os efectos secundarios daquela terapia de choque.

Tal parece tamén que a sociedade na que vivimos sofre tamén de crises de apatía, resultado desa terapia de choque que constitúe o capitalismo global na súa expresión máis crúa, que é o egocentrismo radical ("Que hai do meu?", e outras andrómenas coñecidas).

Atribúese ao filósofo do século XVIII Edmund Burke aquela frase lapidaria: "O único que se precisa para que triunfe o mal é que os homes bos non fagan nada". Literalmente nada, que fiquen na apatía absoluta, na inacción como reacción única ás agresións. Dalgún xeito, que entendan a apatía como actitude facilitadora da instauración insidiosa do mal, ou sexa, do desequilibrio entrópico. Nese senso, o individualismo ególatra que marca a nosa cultura actual (pasamos do republicanismo social ao individual para estar agora instaurados no egocéntrico) é o peor que nos podía acontecer como sociedade. Non que se teña instaurado como comportamento duns poucos, senón da maioría. Os homes bos (os conscientes nesta sociedade adurmiñada) non fan nada para parar este proceso (o control social, o estado policial, o caos económico). Daquela a vida en sociedade deteriórase: a mentira como norma, a represión como mecanismo de dominación, a manipulación como arma de control.

Eu non sei se eu serei un home bo ou mao, mais cumpro co meu rol de corifeo e cóntolles que o seguir aos bandeirantes, o gregarismo de masas miméticas, a apatía xeneralizada conducen sen remisión á miseria ética. Sexan felices e diferentes, esquezan consignas, pensen, reflexionen, actúen.