Opinión

Amigos

Hai días recibín unha foto na que varios rapaces están no limiar dunha casa expectantes. Viñeron chamar a alguén do interior para ir xogar con eles. Tal parece que esta escena pertence ao pasado. Non é nostalxia, senón constatación. Na nosa sociedade hai dúas variábeis que mudaron nas últimas décadas.

Unha é o medo e outra é o acceso a outras formas de relación social. 

O medo está ligado cando menos a dúas circunstancias: a) a sobre protección dos nenos (son poucos por familia e daquela o seu ‘valor’ social é maior e b) á difusión de noticias sobre desaparicións, estupros e abusos sobre os nenos en todo o mundo. O medo como indutor dun comportamento social case nunca está xustificado, mais case sempre é comprensíbel. Un neno só está máis desprotexido no exterior das casas que se está xogando en compañía dunha manda deles, iso é obvio e como cada vez hai menos nenos e a meirande parte deles son únicos, pois o medo a que sufran agresións/abusos aumenta.

Mais como contrapartida (equilibrio) hai agora outras formas de sociabilidade que inclúen a conversación por pantallas interpostas. Son conversas a través do ordenador/da computadora  ás que nos fomos habituando na pandemia, mais que xa eran lugar común entre a mocidade. Queda por elucidar se esas conversas ofrecen o mesmo grao de satisfacción/integración que as presenciais. En principio o ritmo de conversa é distinto, pola alternancia que se dá nas intervencións e que non se dá nas conversas ‘en vivo’. 

Os tempos están mudando e é moi cedo para asegurar se os novos tipos de relación van mellorar a nosa sociabilidade, a nosa aceptación dos outros e a integración no grupo. Non hai nada demoníaco nin negativo nas novas formas de relacionármonos, mais temos que ter en conta que van modificar a dinámica social e, porén, estar preparados para iso, para a incerteza. 

Así e todo, experimentos sociolóxicos á parte, a min a foto dos amigos no limiar da casa que nos veñen a buscar para xogar fóra, aínda me produce un acordar da saudade.

Comentarios