Incendios Forestais 2026: Previsóns cun mal comezo

O pasado ano foi un desastre en hectáreas arrasadas polos incendios sobre o territorio. Unhas 120 mil has segundo a Xunta. Unha inmensa perda forestal, de singulares espazos naturais e etnográficos sumouse a duros episodios de emerxencia social con evacuacións, escenas terribles de angustia. Con niveis altísimos de contaminación atmosférica primeiro e finalmente unha irreparable erosión e facendo insalubres as augas dos nosos mananciais e ríos acompañaron a unha desfeita difícil de cuantificar que Galicia non se pode permitir.

Agora, en pleno abril, nunha breve e moi seca anomalía climática (non estraña) fomos testemuñas dun inzar de múltiples incendios. Numerosos pequeneiros primeiro e xa de certa entidade cerca do Iroite na Serra do Barbanza, en Vilar na Paradanta para rematar o pasado luns, os de A Laracha /Carballo nas Mariñas e o iniciado en Ribadetea do Condado, no Galleiro, con case mil hectáreas, converténdose así no primeiro GIF (Grande Incendio Forestal de máis de 500 has) desta campaña 2026. Os Bombeiros/as Forestais estivemos de cheo nesta pelexa, cos nosos medios e destrezas e sen vaidade dun xeito inicialmente efectivos, ate este último que, xa as carreiras, na procura de protección e seguridade para as persoas deses lugares, desbordados. Un incendio con moito vento, calor e múltiples focos nun monte moi inmiscíbel volveunos a pasar por diante colocándonos a defensiva e o dispositivo aguantou como puido. Ate que a choiva mandou a parar.

Compre pois facer dúas reflexións de urxencia. Primeiro, a loita contra os incendios, así como está centrada na extinción, descoida a prevención. Isto pode axudar sen querer a incentivalos, e dicir, si a extinción se convirte na clave de bóveda desta loita en detrimento dunha actividade preventiva consistente na teoría, nun coidado da preservación integral dos nosos montes. Esta é unha análise obxectivamente perceptible a ollos da xente: si se inverte máis en extinguir o lume, obviamente máis intereses de empresas haberá en que o lume non se extinga. Helicópteros, avionetas, bulldozers, motobombas, EPIs, etcétera. A ollos de calquera albíscase coma un tentador e suculento mercado de empresas interesadas no sector. Sen disimulado sarcasmo, podemos chegar a conclusión de que se contribúe así lamentablemente a mantelos. É dicir, a extinción convértese en ferramenta de codicia para alguén.

E niso tamén entra ao meu ver a Xunta de Galicia, involucrada directamente ao converter a extinción na pedra angular da súa política contra os incendios. E desa contradición a seguinte reflexión: si se pagara mellor por previr, moi posiblemente o lume non sería empregado por case ninguén. Moitos dos nosos montes e maioritariamente os dos pequenos particulares abeirados a núcleos habitados seguen na mesma situación que hai dez anos, cinco, e un ano e seguirán. Foi o Galleiro pero pode ser no monte Castelo no Val Miñor ou cerca do Aloia en Baixo Miño. Non deberá a Administración Autonómica dunha vez xa seriamente axudar a alonxar este perigo en potencia das nosas xentes? Fai falta MOITA PEDAGOXÍA E POLÍTICAS PREVENTIVAS de verdade no que non se aprecian avances significativos.

Segundo, rematado o 2025 coma SPIF (Servizo de Prevención contra os Incedios Forestais) os Bombeiros Forestais seguimos sen facer unha análise colectiva (un Brifing do Servizo), a fondo da anterior campaña de incendios, dos erros (moitos) pero tamén dos acertos nas nosas potencialidades que tamén os houbo e significativos. Cando menos de saber si foi positivo o balance, concluír e valorar que poderiamos seguir como até o de agora. Sabemos que o mundo da extinción é desafiantemente cambiante onde continuamente precisas incorporar novas ensinanzas e coñecementos, desenvolvidos aquí en Galicia ou recollidas de experiencias noutras latitudes.

A modo de exemplo coma metodoloxía de traballo o Servizo, (penso) que debería valorar colectivamente toda actuación feita desde os obxectivos que nos marcamos inicialmente e ver logo o grao de cumprimento, analizar permanente todo o realizado e comprobar súa validez. Perdendo o medo ao erro que na ciencia é un xeito que se emprega para avanzar. Avancemos logo. Iso si, se isto non impulsa e se fai desde os estamentos máis altos do SPIF levará aos máis dos traballadores/as do Servizo a caer nunha perigosa inercia, en certo conservadurismo, a desidia o abandono profesional e sabemos ben que ser Bombeiro Forestal ten moito de vocacional. Se non se realizan estes balances desde arriba para abaixo e a inversa, proxectaremos así noso actuar sobre o valeiro, traendo coma consecuencia o voluntarismo e a improvisación e isto é un gran erro de presente e futuro para o conxunto do Servizo.

Comentarios