Opinión

Lei orgánica de Protección da Seguridade Cidadá. Asalto á democracia.

Se a resposta conservadora á crise prevalece... os dereitos democráticos poranse en dúbida, Costas Lapavitsas, Crisis en la Eurozona.

A democracia política articula tres espazos de liberdade. O primeiro o respecto das garantías xurídicas para tod@s, dereito á tutela xudicial, á defensa, a un xuízo xusto.

Se a resposta conservadora á crise prevalece... os dereitos democráticos poranse en dúbida, Costas Lapavitsas, Crisis en la Eurozona.

"As garantías de que gozou Emilio Botín no caso das primas únicas contrastan de xeito violento coas garantías de que carecen @s sindicalistas multad@s por participaren en folgas"

A democracia política articula tres espazos de liberdade. O primeiro o respecto das garantías xurídicas para tod@s, dereito á tutela xudicial, á defensa, a un xuízo xusto. O segundo a liberdade de escoller entre políticas distintas en todos os ámbitos da vida social e, nun lugar sobranceiro, a posibilidade de decidir en política económica, eido non que se condensan as relacións de clase, políticas económicas distintas benefician distintas clases e grupos sociais.  O terceiro a vixencia das liberdades políticas, asociación, incluíndo a sindical, expresión, comunicación, manifestación.

O exercicio das garantía xurídicas está mediado polas desigualdades de clase. As garantías de que gozou Emilio Botín no caso das primas únicas contrastan de xeito violento coas garantías de que carecen @s sindicalistas multad@s por participaren en folgas. O Taxazo implantado por Gallardón proponse dificultar aínda máis o uso da xustiza pol@s traballador@s en caso de despedimento ou de incumprimento das obrigacións do empresario derivadas do contrato de traballo. É un complemento da reforma laboral de 2012.

A reforma do artigo  artigo 135.3 da CE, publicada o 27 de setembro de 2011, “ Os créditos para satisfacer os xuros e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta.”, elimina de vez a capacidade de decidir entre políticas económicas distintas ao estabelecer a prioridade absoluta dos rendistas especuladores, do capital financeiro, sobre o mantemento dos servizos públicos e de prestación sociais, por exemplo o sistema público de pensións, dignas e suficientes. Supón a fin do espazo do decisión estabelecido en Europa, hai máis de 60 anos, despois da derrota do fascismo, e no Reino de España coa recuperación da democracia.

"A lei orgánica de Protección da Seguridade Cidadá percura a limitación das liberdades políticas e fixa o albo na máis nidiamente popular, a de manifestación".

A lei orgánica de Protección da Seguridade Cidadá percura a limitación das liberdades políticas e fixa o albo na máis nidiamente popular, a de manifestación. Jorge Fernández Díaz, a actuar como xefe do corpo de seguridade do capital, apunta contra as formas tradicionais de loita, manifestacións e piquetes para a extensión das folgas, e contra as novas formas de loita, escrachos, concentracións contra os desafiuzamentos. A lei é brutalmente clasista, o enorme importe das multas, entre 30.001€ e 600.000€ para infraccións “moi graves”,  destruiría o fráxil equilibrio da economía dunha familia traballadora. Se debe aumentar a inxustiza e a desigualdade, é imprescindíbel limitar ou eliminar as liberdades políticas para @s de abaixo. 

Esta lei esixiría a máis ampla, contundente e unitaria resposta de toda a esquerda social. Lembremos que a reforma do artigo 135.3 da CE foi aprobada sen case oposición.

Vivimos unha crise da democracia, asaltada polo capital financeiro e a dereita ultraliberal e nacionalcatólica. Só as clases do traballo poderían defendela. Xogámonos nesa defensa a calidade e a autonomía das nosas vidas.

Comentarios