Opinión

Longa vida ao Príncipe Galín!

O Principe Galín foi un herdeiro directo do espírito libertario e transgresor de Coralia e Maruxa, "As Marías".

O Principe Galín foi un herdeiro directo do espírito libertario e transgresor de Coralia e Maruxa, "As Marías". En certa medida foi quen tomou o seu relevo: camiñaba Compostela co seu mesmo porte soñador, fóra da realidade e ao mesmo tempo cun pensamento moito máis inserido na realidade que o de moitos que cren interpretar correctamente a realidade, pensando que esta é un avaro balance económico, un gris bando municipal ou unha lección trasnoitade de cátedra. A realidade do Príncipe Galín, como a realidade das “Marías” está en soñar continuamente cun mundo de liberdade e cor, pode que imposible, pero sen renunciar ao dereito a soñalo.

"A realidade do Príncipe Galín, como a realidade das “Marías” está en soñar continuamente cun mundo de liberdade e cor, pode que imposible, pero sen renunciar ao dereito a soñalo".

Sei que para moitos era un home difícil de entender, porque o seu ideario vital era propio, sen seguir esquemas prefixados, pero coas ideas ben claras, sempre instaladas na procura da liberdade para a sociedade, porque era un príncipe do pobo e solidario. Cando o entendías comprendías que representaba como ninguén a esencia da Compostela dos anos 80: Libre, alegre, soñadora... aquela Compostela forxou o espírito libre de moitos. Que é hoxe Compostela? Unha cidade demasiado formal, moi correcta politicamente, e moi pouco soñadora. Onde todo se calcula baixo os parámetros de rendibilidade, ben económica ou ben política. Naquela Compostela, non se buscaban rendibilidades, buscábase só vivir o que un sentía, sen preocuparse cales serían os resultados, o verdadeiro resultado estaba en facelo, en vivir, en ser sen máis espontáneo e arriscar polos ideais.
Non quero facer biografía do Príncipe Galín. Porque isto sería traizoalo. El mesmo diría: “Chega con saber que son o Príncipe Galín. Un príncipe de conto”. Conta a miña irmá, Viki Rivadulla, que unha vez lle dixo, moi amable, a un grupo de nenos e nenas, na terraza do “Suso”, na Rúa do Villar: “Son o Príncipe Galín, un príncipe como o dos contos”.

"Naquela Compostela, non se buscaban rendibilidades, buscábase só vivir o que un sentía, sen preocuparse cales serían os resultados"

Só me gustaría mencionar a súa paixón pola música tradicional galega, que el interpretaba, nas rúas e nos escenarios. Bo cantor e bo interprete de pandeiro, o seu instrumento por excelencia. E dou este dato porque quizás sexa menos coñecidos, e da noticia do seu sentimento pola terra, pola cultura propia de Galiza. 

Príncipe, agora que estás morto amigo, que tomarás cuncas de viño infernal entre Valle Inclán, Roberto Vidal Bolaño e o Comandante Lister. Estará entre eles porque aos tres admirou e ao Comandante e a Roberto tratou. E porque entre eles defínese o seu pensamento. Un sincretismo político e filosófico, en mestura anarquista, comunista e nacionalista. Un tipo distinto. E xa que a morte pode concederte certa liberdade de movementos pídote que regreses a Compostela para ser o seu Principe Fantasma, para asustar aos tan ben educados, que queren facer de Compostela un lugar correcto e ben pensante, e para embriagarte de soños cos que amamos outra Compostela, a que soñaban Coralia e Maruxa. Seguro que para Caronte levarte á Illa da Eterna Xuventude foi unha das súas viaxes máis fermosas, escoitando os teus relatos oníricos. Recibe o meu abrazo, meu Príncipe. Ah! E non bebades todo o viño infernal, deixade algo para cando eu vaia a beber con vós.
 

Comentarios