Unhas Tanxugueiras bretoas

María: O grupo Tanxugueiras, coa polémica que todos coñecemos, finalmente non poderá representar a televisión española no próximo festival de Eurovisión, pero en cambio a televisión francesa escolleu esta semana un grupo bretón para representala. Así pois, como mínimo, unha lingua minorizada terá o seu espazo na final de Turín.

Neste caso trátase de Alvan & Ahez, que cantarán en lingua bretoa a canción Fulenn, segundo decidiron os espectadores e o xurado, aquí sen polémica, de France 2. Fulenn é unha proposta musical moi parecida á que presentaron Tanxugueiras, unha revisión desde o folk en clave electrónica e francamente espectacular. A canción tamén se considera un himno feminista e os seus autores afirman que tomaron como referencia o grupo ucraíno Shum, polo que esperan poder realizar en escena algunha mostra de solidariedade co país invadido por Rusia.

A televisión francesa é a segunda vez que envía a Eurovisión un grupo que canta en bretón, pero esta vez parece que a decisión chega nun momento diferente. A polémica sobre o uso das nosas linguas nas escolas, o catalán e o vasco pero tamén o occitano, o alsaciano, o corso ou o bretón, produciu cambios importantes na percepción das mesmas. E unha moi importante foi a constatación de que os territorios con lingua propia representan a maioría do actual estado francés, contra o que sempre se dixo. O xa famoso episodio do envío aos tribunais da lei polo mínimo requirido de deputados e que todos eles fosen de París causou un impacto que o tempo dirá se é capaz de reforzar a dinámica positiva que se observa xa hai tempo nos nosos dous países, Martxelo, e noutros territorios da república francesa.

Pero non nos enganemos: non todo é de cor de rosa. Córsega vive momentos dunha gran tensión polo intento de asasinato nunha prisión francesa do preso político independentista Yvan Colonna.