mércores 19/05/21

Investidura

Pere Aragonès non conseguiu esta semana os votos suficientes para ser elixido presidente da Generalitat. Esquerra Republicana e a CUP votaron a favor pero a abstención de Junts non o permitiu, xa que necesitaba a maioría absoluta. Non teño ningunha dúbida de que nuns días Aragonès será o 132 presidente de Catalunya, mais o resultado electoral obriga a pactar a fondo antes de que Junts acabe votando a favor. Outra cousa será se entra ou non no goberno.

Dalgunha maneira os tres partidos están pagando estes días o aloucado combate pola hexemonía que durante estes tres últimos anos solapou o combate pola independencia. Insultáronse moito, puxéronse tantas trabas como souberon, perdéronse completamente o respecto ao outro e iso, evidentemente, pasa factura. 

Os tres partidos están pagando estes días o aloucado combate pola hexemonía 

Mais a cuestión agora é se será posíbel converter a factura nunha oportunidade. E o resultado dos comicios, nese sentido, é moi interesante. 

Esquerra finalmente conseguiu a presidencia da Generalitat. Pero iso obrígaa a cambiar de actitude, cousa que parece que empeza a comprender. Do acoso e derriba indisimulado ao socio está obrigada a pasar a unha actitude construtiva, porque cos seus votos non ten suficiente e a fantasía de pactar cos Comúns e buscar unha alternativa diferente á que hai evaporouse. Junts, pola súa banda, teñen que facer o exercicio contrario: non patrimonializar a Generalitat como algo propio e evitar pór máis trabas das lóxicas aos seus socios, aprender a acompañar. E a CUP empeza a aterrar na política normal e nas súas contradicións.

Un 80 por cento dos seus militantes dixeron que o pacto non é suficiente mais que hai que votar que si. E visto desde a incomprensíbel intransixencia que demostraron non votando Jordi Turull a tarde antes de que fose ingresado en prisión, parece evidente que esta é unha decisión que marcará o seu futuro.

comentarios