Opinión

Lorca namorado

Camiñábamos cara a praza da Quintana. Dende o chan nacía unha calor de verán atípico. A miña acompañante, acababa de chegar de New York e contábame sobre as súas vivencias. Lorca fora poeta en New York e fora poeta tamén na Quintana. Aquel serán estábamos a punto de ver a estrea dun espectáculo único: O Lorca namorado de Abe Rábade. Sabíamos que a música sería fermosa porque moitas das voces que cantaban alí, representan o amor á tradición e ao oficio. Sabíamos que alí escoitaríamos os seis poemas galegos do poeta de Granada voltando á vida. Pero o que non imaxinábamos foi aquela fusión máxica entre o norte e o sur, unha combinación única de jazz, tradición galega e andaluza.

A fermosa posta en escea e a iluminación delicada, fixo que as sombras bailaran, que as bocas cantaran. Pero todo cambiou cando sairon a escea os dous bailadores: Miguel Pardo de Castro e Isaías Salazar. Baixo a mesma música bailaron un para o outro, frenéticos, como nunca se vira. Bailaron como ríos afluentes da mesma danza tola. Bailaron á vida e á morte, e fixeron soar as badaladas da Quintana, para recordar os versos galegos daqueles aos que quixeron facer desaparecer.

Comentarios