Opinión

Galiza en New York

A quen non lle gustaría ter unha bóla de cristal e poder ver nela o futuro? Eu sería a primeira da lista en mercar unha. Devezo por saber até onde chegaremos, se hai futuro na música, se cambiará o sistema político, se se perderán as sete vogais propias...

No vagón do metro, de camiño a Queens, éramos ben poucos. Nós os catro falando galego, algúns outros susurrando castelán e a maioría da xente, no seu mundo cos cascos metidos nas orellas. A música sempre. Chegamos ao barrio de Queens. A casa de Galicia de New York ten unha historia marabillosa.

Despois de varios cambios de localización e tras a crise económica e o remate da guerra civil española, o Frente Popular Antifascista Gallego crea Unity Gallega, coñecida hoxe por Casa Galicia. No seu salón había varios murais de Castelao e Rosalía, pero o que máis chamaba a atención era a fala, o dominó petando nas mesas e a música en galego soando. A música sempre.

Nun país cheo de culturas diferentes como Estados Unidos, chama a atención a evidente pegada galega por todas partes. A Universidade de Columbia e outras, posúen nos seus arquivos moitas obras literarias na nosa lingua, pezas únicas, por non falar do Pergamiño Vindel, que ten a súa casa na Librería Morgan da avenida Madison.

Nunha visita obrigada ao MoMa, o museo de arte moderna, atopamos sen querer, entre moitos “souvenirs”, varias pezas de Sargadelos que estaban á venda. Pregúntome se cando Sargadelos comezou a súa andaina, imaxinaron na bola de cristal, chegar tan lonxe.

Comentarios