Opinión

Experimento número un

Quero que cantes. Perdoa que cho pida asi, queridx lector/a.

Pero non podo evitalo. Gustaríame que cantaras, cada día se pode ser, porque teño gardado na memoria que cando cantamos, todos os problemas parecen menos do que son. Quero que cantes aínda que sexa baixiño. En realidade cantar baixiño é o que máis presta no mundo. Cando cantas, recordas e conectas con outros momentos. Quizais con quen che ensinou esa canción. Ou quizais prefiras cantar o que soa pola emisora de radio. Nesta ocasión non importa o que vaias cantar. Importa que cantes.

Quero que cantes porque é moi necesario. Porque cando te cruzas con alguén que vai cantando pola rúa, no ascensor ou mesmo na entrada dun hospital, sempre che pode sacar un sorriso. Tamén quero que cantes porque é bo para a túa saúde respiratoria e vascular. Podería dicirche máis beneficios pero non te quero distraer desta tarefa. A idea é que cantes porque precisamos seguir mantendo un país de música, de músicas. De xente que mentras está traballando golpea ritmicamente cos dedos no mostrador e xoga a asubiar. De persoas que cando cantan, sinten, expresan e transportan. Podes cantar agora por exemplo, mentras les isto. Podes empezar mirando aos lados, por ver se hai xente, pero unha vez superado ese medo escénico, respira, tres veces profundamente. Nese momento podes ir pensando que canción che pide o corpo cantar. Despois abre a boca o que ti consideres e podes empezar por “nananear”. É dicir, cantar a canción sen a letra, só dicindo “nananá”. É moi práctico, e crea expectativa. Vas ben.

Agora podes empezar a cantar a letra e ao mellor, deixarte levar pola melodía, é fundamental deixarse levar. Se vas camiñando, intenta acompañar o ritmo da canción cos teus pasos. Esquecía dicirche que para que este experimento funcione, tes que observar se ao cantar, creas algunha reacción nas demáis persoas. Se foi así, o obxectivo está conseguido. Non se trataba tanto de poñer o foco en nós, senón de regalar esa canción a quen está con nós, de crear unha reacción nos demáis. Ben cantado!

E grazas por participar :)

Comentarios