Opinión

Esa xenofobia tan española

Unha muller de Granada abandona indignada a misa na Seu, a catedral de Mallorca, porque é en catalán. Alguén dunha emisora de televisión lle pon un micro diante e ela despáchase a gusto burlándose da lingua catalá, dos cataláns e reclamando que lle falen no que ela cre falar e que chama “el español” pois “estamos en España”. A continuación di que xa non voltará nunca “a Canarias”. Dá para unha análise política, histórica, xeográfica, mental e mesmo lingüística.

Persoas así hainas en toda parte, aquí, aló e mesmo onde é ela, “Graná” o que acontece é que hai un ano probabelmente ela faría o mesmo, abandonar indignada un lugar onde falan catalán, mais non se explicaría dando voces con tanta contundencia. Iso débese a que España é así mais tamén finchou, está inflamada e esa muller padece da inflamación

Sería fácil de máis facer burla dela, evidentemente é unha persoa maleducada, autoritaria, caprichosa e ignorante, probabelmente seguidora de Antena3, Tele5, 13tv... E pola información que proporciona o corte de vídeo é evidente que está posuída por un odio xenófobo focalizado nos cataláns, non sabemos que outras persoas pode odiar tamén, quen odia así a persoas pola súa identidade ten máis dun albo ao que disparar. Sen dúbida é unha mala persoa.

Sería fácil de máis facer burla dela, evidentemente é unha persoa maleducada, autoritaria, caprichosa e ignorante, probabelmente seguidora de Antena3, Tele5, 13tv...

 

O interesante sería unha análise antropolóxica de por que ela, que é completamente inculta (en Mallorca ela cre estar en Canarias) e que viaxa a un lugar que non é o seu, se sinte con esa seguridade e autoconfianza para burlarse da cultura e lingua do lugar (afirma, creo que simula, non saber que a lingua que aborrece é o catalán, di que é “deu”) e da propia xente do lugar (di dos cataláns que comen a metade das palabras e fai o xesto de meter para dentro, evocando o estereotipo do catalán aforrica ou egoísta que lle quita aos demais). Realmente a actuación da señora é un compendio e non lle falta “de ná”.

O interesante é que ela é tan ignorante na súa ignorancia que ignora que tamén ela pode ser víctima do estereotipo denigrante, hai uns días houbo protestas porque nunha serie de televisión un personaxe fixo un chiste sobre a contradición entre ler e ser andaluz; ignora que os cataláns non “comen as palabras” senón que, se for o caso, é ela quen “come as palabras” pois tampouco fala “español” senón un dialecto mozárabe do castelán. A variante do castelán que ela fala nin é mellor nin peor que outras, mais de fixo que non é “el español”. Se fixésemos burla dela aparecería alguén a dicirnos que “pobre mujer, no tuvo estudios y es una víctima”. Mesmo, nese argumentario populista e pseudo progre dirían que é unha ignorante porque é unha víctima do franquismo ou cousa así.

Ao país desa señora e de toda a xente de “¡a por ellos!” quero darlle a independencia xa

 

E non. Hai franquistas ricos e hai franquistas pobres, aínda que efectivamente a ignorancia e os prexuízos son unha ferramenta útil para manter o sistema de poder establecido. Hai franquistas de La Moraleja e o barrio “de Salamanca” madrileño, dos barrios ricos de calquera cidade española, tamén da cidade desa señora, Granada, que tiveron acceso a todo tipo de oportunidades e son como ela, ignorantes e fascistas. No mesmo barrio da súa cidade onde ela é seguro que hai persoas que tiveron acceso aos mesmos estudos, á mesma información e son persoas educadas, respectuosas, tolerantes e demócratas. Mesmo seguro que do seu mesmo barrio saíron persoas buscar traballo a Catalunya e aprenderon falar catalán e mesmo pode que hoxe chegaran a conclusión de que esa España non ten solución e que con ela non hai nada que facer.

Porque no fondo, efectivamente, trátase de países distintos, un país de xente tolerante e un país de fascistas modelados polo franquismo. E eu non son nin quero ser do país desa señora en absoluto, non o son desde o punto de vista cultural, lingüístico, antropolóxico e tampouco desde o punto de vista mental e político. Ao país desa señora e de toda a xente de “¡a por ellos!” quero darlle a independencia xa.

Comentarios