Opinión

O prezo da vida humana

Cantas veces non levo escoitado o de “se lle contase a miña vida, daba para unha novela”. O peor é que é certo, hai vidas asombrosas e realmente calquera vida é asombrosa o que ocorre é que un non se decata, afortunadamente pois as librerías estarían cheas de autobiografías e iso haino que reservar para escritores de idade máis que provecta. Así e todo, é certo, unha vida humana é un mundo e cada morte é unha fin do mundo particular.

E que tantas veces non nos levan dito que non se lle podía pór prezo á vida humana, que trola máis grande, claro que ten prezo e mais non é moi caro. As nosas vidas, o máis prezado, véndense no mercado e quen lle pon o prezo é o estado, son as políticas. Vivimos coa idea de que posuímos a vida e non queremos aceptar que é a vida a que nos posúe e que en calquera momento nos pode abandonar, algo diso mostróusenos neste tempo da peste. Mais para o mercado e o estado somos número e mercancía.

A “triaxe” sistematizouna un médico do exército napoleónico, medicina de guerra, consiste en seleccionar para tratar de curar uns doentes e apartar para deixar morrer os demais. Foi o que se practicou nestas semanas pasadas e aplicóuselle, fundamentalmente nese espazo delirante que é a comunidade madrileña, a persoas a partir dunha idade e a anciáns de residencia. Así que sabemos que o valor da vida das persoas de determinada idade é menor, mesmo insignificante, que as doutras idades. Contan antropólogos que en tribos nómades os anciáns deixábanse morrer para salvar o grupo. Desta vez foi así? Ou foi porque sobran nun xogo no que a medicina e a atención non son unha obriga colectiva senón unha oportunidade para o negocio. Os anciáns abandonados a morrer en circunstancias indignas e crueis en residencias madrileñas e galegas son unha cifra nun negocio miserábel. Non foron abandonados para salvar o grupo senón para engordar o gaño dos propietarios.

Mais isto xa o temos visto as galegas e os galegos hai poucos anos cando se deixou morrer persoas que padecían unha hepatite para a que existía o remedio ao alcance da consellería de sanidade deste goberno da Xunta. Xa o ouvimos cando o conselleiro, para explicar os recortes na sanidade pública coa fin de engordar a privada, dixo que suprimía camas de hospitalización porque os hospitais non eran hoteis. O que para nós son persoas para eles son mercancías, o que para nós ten valor para eles ten prezo. E aínda por riba pagámolo nós.

Comentarios